Imprimir

Entidades e colectivos denuncian a “estafa” do plan de prevención de lumes da Xunta

Redacción | 18 de xullo de 2019

A plataforma Por un Monte Galego con Futuro, que agrupa diversas entidades ecoloxistas, agrarias e sindicais galegas, denuncia “a propaganda institucional da Xunta arredor do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais da Galiza 2019 (Pladiga). Desde a plataforma consideran que o goberno galego leva 12 anos sen traballar en prevención de incendios e acúsano de fomentar a extinción fronte a prevención dos lumes.

O Plan de prevención e defensa contra incendios forestais da Galiza 2019, coñecido como Pladiga, foi cualificado pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro de ser “propaganda institucional”·do goberno galego, a quen acusan de fomentar a extinción de incendios fronte a prevención.

Na Galiza xa hai 500.000 hectáreas de eucaliptais, das que 30.000 están ocupando terras agrarias

Na rolda de prensa organizada pola plataforma en Ourense esta quinta feira 18 de xullo ilustrouse a denuncia da inexistencia de prevención de lumes cunha infografía na que se apresentaron os datos que a Xunta de Galiza “non contempla na súa propaganda e que evidencian o estado no que se atopa realmente o rural e os montes galegos”, afirmaron desde a plataforma.

Desta maneira, e segundo recolle a infografía apresentada, na Galiza xa hai 500.000 hectáreas de eucaliptais, das que 30.000 están ocupando terras agrarias, unha especie pirófita que no Plan Forestal que está a revisar a Xunta “preténdese promover aínda máis coa ocupación doutras 35.000 hectáreas”, segundo alertaron desde a plataforma.

Por este motivo reclamaron que as administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego “que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático e que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras”, afirmaron desde Por un Monte Galego con Futuro.

Reclamaron que as administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego “que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático

Outra das demandas esixidas desde a plataforma radica en lograr o peche do ciclo produtivo da madeira na Galiza, “de xeito que mediante unha regulación do monte axeitada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordenada, se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais” e engadiron que desta maneira se permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural.
Sobre a mesa puxeron ademais propostas concretas como a demanda dunha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptuse, a prohibición de repoboacións con robinias, acacias, pawlonia e bambús, e outras especies invasoras.


Ademais reclamaron un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego, como as robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús e crocosmias. Tamén reclamaron a posta en marcha dun programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.   

A plataforma denunciou ademais as políticas que desde a Xunta de Galiza “promoveron o abandono do rural”

A plataforma denunciou ademais as políticas que desde a Xunta de Galiza “promoveron o abandono do rural”, e que segundo sinalaron provocaron que nos últimos anos se teñan abandonado até 30.000 explotacións gandeiras, no canto de promover o pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.

Así mesmo, desde Por un Monte Galego con Futuro rexeitaron “as inxentes cantidades de fondos públicos destinadas á “industria do lume na Galiza”, mentres que hai “cero efectivos facendo labores de prevención durante todo o ano”.  

Acusaron así á Xunta de Galiza de facer recaer sobre os concellos os labores de prevención mentres, segundo denunciaron, “o goberno galego elude estabelecer unha planificación e políticas que favorezan realmente esa prevención fronte os incendios forestais como a creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que permita a multifuncionalidade do monte”.


Tamén demandaron o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación...; o estabelecemento dun perímetro de exclusión de 25 metros das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6x6 arredor destes elementos.

A Plataforma por un Monte Galego con Futuro compóñena Amarelante S. Coop. Galega, Amigos da Terra, A Rente de Chan- PLADEVER, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns", Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Frouma, Asociación Montes da Galiza – Montegal, Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (FRUGA), Kunterbunt Design, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Verdegaia.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/entidades-galegas-denuncian-estafa-do-plan-prevencion-lumes-da-xunta/20190718131130082053.html


© 2019 Sermos Galiza