Imprimir

“Escoitei 'rojo, hijo de puta' e o seguinte que lembro é espertar no hospital”

X.M.P. | 11 de Marzo de 2019

Cedida
Cedida

F.M.R sufriu a pasada quinta feira en Ferrol unha malleira a mans dun grupo de persoas “da extrema dereita”. Falamos con el esta segunda feira, mentres se recupera na casa das fracturas e moratóns dunha brutal agresión que, lembra, non é a primeira deste tipo que se produce na cidade. “Andan envalentonados”, alerta, sobre os fascistas.
 

Que foi o que pasou a quinta feira, 7 de marzo?

Iamos de madrugada cara á casa tres amigos. Un deles decidiu de brincadeira sacar unha foto cando pasabamos pola rúa Real, nunha estatua [dun 'capuchón' de Semana Santa] que hai alí e cuxa inauguración xa foi motivo de polémica hai uns anos. Entón xa vimos que se achegaba un grupo dunhas oito ou dez persoas, berrando “rojos de mierda, hijos de puta”. Un dos meus amigos respondeulles, chamoulles “fascistas”. Batéronme e caín ao chan, e xa non lembro máis até espertar no hospital.

 

Coñeciádelos? Pensas que eles vos coñecían a vós?

Por suposto, si que me coñecían. Teño corenta e pico anos e levo media vida militando politica e sindicalmente. Ademais estou nunha banda que canta en galego e con letras antifascistas. Eu dese grupo recoñezo a dous. O que me bateu polas costas se o vexo coñézoo e a outro tamén. Penso que son militares ambos os dous.

 

"O que pasou mete medo no corpo, non vou dicir que non"

 

Acordaches no hospital...

No hospital estiven desde que ingresei na madrugada da quinta á sexta feira até o sábado ás nove e media da mañá, que me derivaron ao Materno-Infantil da Coruiña, que é onde está o servizo maxilofacial para que me mirase as fracturas e fisuras no nariz, na fazula, as pezas dentais... En principio decidiron non operar e o sábado a primeira hora da tarde déronme a alta.

 

Este tipo de agresións xa ten pasado noutras ocasións en Ferrol?

Ten, si. A máis xente xa lle teñen pegado. A min mesmo hai uns catrou ou cinco anos uns fascistas déronme unha malleira que me fixo perder parte da visión dun ollo.

 

Hai logo un fascismo activo en Ferrol que chegue ao nivel de agredir outras persoas pola súa ideoloxía?

Non é o habitual, mais o certo é que hai unha serie de persoas ás que nos teñen controladas. Esa xente non vai con pinta de fascistas, non levan insignias nin esa parafernalia, queren disimular. Mais nas noites ferrolás atópalos nun bar e xa te miran mal, provócante... Andan envalentonados.

 

"A estas agresións hai que darlles unha resposta social, contundente"

 

Nestes meses houbo en todo o Estado un rexurdir de discursos e psoicionamentos españolistas e dereitistas, tamén se nota iso en Ferrol?

Si que se nota. Un dos que me bateron o outro día andaba a berrar que el era de Vox.

 

Presentaches denuncia por esta agresión?

Si, xa falei co avogado e esta segunda imos presentar denuncia.

 

Tes medo?

O que pasou mete medo no corpo, non vou dicir que non. Isto sempre afecta. Daslle voltas a ver se isto vai poder volver pasar, se me van volver coller calquera día e darme outra malleira, se nunha destas me van matar... Un dos meus compañeiros díxome que o outro día despois de patearme saíron correndo e el cre que algúns deles pensaban que me deixaran morto. Todos os golpes que me deron [cando estaba inconsciente no chan] foron na cabeza.

 

Que consideras que debe ser a resposta perante este tipo de feitos feitos?

O que hai que facer é dar unha resposta social, unha resposta contundente. Hai que facer traballo de rúa e todo o que faga falta contra o fascismo e estas agresións. Agora estase a crear en Ferrol unha Coordenadora Anti-fascista, que até agora non existía. Xente de esquerdas, do independentismo, do anarquismo que se están xuntando para poñer en andamento unha plataforma así na comarca. Estas cousas non poden ficar impunes e hai que evitar que se repitan.

 

Consideras que actúan con impunidade?

Si que o creo. Actúan con impunidade, como sabendo que finalmente estas cousas non chegan a ningures, son agresións que fican como se fose unha pelexa calquera desas que hai pola noite.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/escoitei-rojo-hijo-puta-seguinte-lembro-espertar-hospital/20190311113835076947.html


© 2019 Sermos Galiza