Imprimir

Autoræs volven á Universidade para ensinar os segredos da escrita

Redacción | 16 de setembro de 2014

Ledicia Costas
Ledicia Costas

Filoloxía, Bioloxía, Matemáticas, Arquitectura... e aprender a escribir. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega levan a escritoræs á Universidade para que ensinen como se fai unha novela ou un poema contemporáneo. 

Como escribir o futuro? Que facer para asinar unha verdadeira novela contemporánea? Como librarse dos oitenta? A lareira ensina algo a quen quere escribir no século XXI? A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega pretende que sexan nomes de hoxe da nosa literatura quen responda a estas cuestións e contribúa, desde os centros de formación universitarios, a formar novos e novas autores. 

Canda o S. X. De Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo a AELG levará á comunidade universitaria e quen queira asistir ás aulas as reflexións e os segredos dalgúns dos nomes que están a asinar novos libros na nosa literatura. 

O programa "Como escribir o futuro?", que chega a súa novena edición, achegará á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre a actualidade dos distintos xéneros literarios. O 17 e o 4 de setembro e o 8 de outubro desenvolveranse as mesas redondas no CUVI, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución en Marcosende. 

Ledicia Costas e Manuel Portas darán as claves o 17 de setembro para escribir unha verdadeira novela contemporánea mentres o 24 de setembro Rosalía Fernández Rial e Samuel L. París responderán á pregunta “E que faremos do lirismo” e levarán ás aulas universitarias “a pantasma da poesía dos oitenta”. 

Para o 8 de outubro as novas linguaxes na oralidade será o tema central ao que se achegarán dous grandes narradores orais, Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira no seu “contar ao carón  da lareira en tempos dixitais. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/escritoraes-na-universidade-formar-no-s-autoraes/20140916104552030611.html


© 2019 Sermos Galiza