Imprimir

Esculca lamenta o silencio do director do penal de Teixeiro á súa petición de entrevista

Redacción | 11 de xullo de 2019

Cárcere de Teixeiro
Cárcere de Teixeiro

O Observatorio para a defensa de dereitos e liberdades mostra a súa preocupación pola situación de determinadas persoas presas nesa cadea.

Sen resposta. Ese é o froito obtido por Esculca nas “innumerábeis xestións” realizadas para tentar ser recibidos polo director do cárcere de Teixeiro, José Ángel Vázquez Yáñez. Xestións feitas por diversos medios, informan desde o Observatorio, “entre eles o correo postal (por esixencia do propio director)”. O interpelado, indica Esculca, marchou de vacacións.

Non é esta a primeira vez que o observatorio solicita manter entrevistas con responsábeis do cárcere de Teixeiro para lles transmitir a súa “preocupación pola situación de determinadas persoas presas ou por cuestións referidas ás condicións de habitabilidade do centro”.

Para Esculca, o novo director da cadea -antes director dos penais de Pereiro e A Lama- parece entender que a súa xestión “en modo algún pode ser non digamos controlada senón nin sequera observada ou comentada por organismos da sociedade civil”.

Esta actitude do director do penal contrasta, sostén o Observatorio, co seu gosto por “dar publicidade ás súas politicas carcerarias (medidas como o módulo de respecto mixto do penal da Lama, por exemplo) ou aos seus compromisos electorais (como candidato a alcalde polo PSOE en Curtis nas eleccións municipais de 2007, por exemplo)”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/esculca-lamenta-silencio-do-director-do-penal-teixeiro-sua-peticion-entrevista/20190711125751081779.html


© 2019 Sermos Galiza