Imprimir

Existe o mercado negro de pel de raposo na Galiza?

Redacción | 10 de xullo de 2019

Raposos cazados [Imaxe: Adega]
Raposos cazados [Imaxe: Adega]

O goberno galego segue sen dar respostas ás peticións realizadas no Parlamento sobre o mercado negro de raposo na Galiza, após as reiteradas sospeitas de transporte de peles de animais sen permiso e que tivo o seu máximo expoñente cando se interceptou, durante un control rutineiro en febreiro, unha furgoneta con 87 peles de raposos acabados de cazar e sen documentación sobre orixe nin destino do cargamento.

As matanzas masivas de raposo, autorizadas legalmente a través das competicións deportivas e a actividade cinexética, deixan un mínimo de 12.000 raposos mortos ao ano de media. A Xunta autoriza as batidas mais non dá explicacións sobre as preguntas parlamentares que se lle realizan, como a efectuada polo deputado do BNG Luís Bará no mes de febreiro de 2019, a colación das sospeitas sobre a existencia dun mercado clandestino de peles de raposo na Galiza.

Precisamente en febreiro deste ano requisárase un transporte ilegal con 87 peles coincidindo nas datas coa celebración dunha competición deportiva realizada co obxectivo de “matar o maior número de raposos no menor tempo posíbel”, como denunciara Bará. A furgoneta que as transportaba foi inmobilizada após unha patrulla de Atestados descubrir nun control rutineiro de tráfico que portaba as devanditas peles de raposo sen documentación.

Estas atopábanse en diferentes estados de humidade e conservación e aínda contiñan restos de sangue e partes orgánicas do animal. O condutor non sabía ou non quixo dicir a procedencia das peles nin o seu destino final.

O Estado español conta na actualidade cun total de 54 granxas peleteiras das cales o 80% están situadas na Galiza, onde se criaron no ano 2016 até 750.000 visóns

Desde o movemento ecoloxista galego alertan de que o tráfico de peles de raposo non se está a controlar e sinalan como causas as eivas en medio técnicos, dispositivos e humanos, polo que solicitan que se reforcen os efectivos para controlar de onde veñen e a onde van esas peles.

No parlamento requiriuse que se investigase e se dese resposta sobre as sospeitas dun mercado negro de raposos e en concreto sobre o caso dese cargamento ilegal, para botar luz sobre a orixe e o destino do cargamento. A día de hoxe a pregunta parlamentar segue sen resposta.

A Xunta emprega os argumentos dos cazadores para subvencionar a caza, escudándose en que hai superpoboación de raposos

Mentres, a Xunta emprega os argumentos dos cazadores para subvencionar a caza, escudándose en que hai superpoboación de raposos e que por tanto, segundo indican, cómpre realizar un control. Os cazadores apuntan a que ao lobo ter outros recursos alimentarios xa non caza raposos e que estes están descontrolados. Desde a Xunta ademais néganse a prohibir campionatos de caza do raposo. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/existe-mercado-negro-raposos-galiza/20190709213124081701.html


© 2019 Sermos Galiza