Imprimir

Éxito da folga da Atención Primaria

Redacción | 19 de xuño de 2019

Folga da Atención Primaria
Folga da Atención Primaria

As e os profesionais convocantes da folga da Atención Primaria valoran como un éxito o seu seguimento e consideran que o paro acadou unha "repercusión masiva" ficando os centros de saúde baleiros nas áreas máis poboadas da Galiza. Desde a Asemblea de Áreas Sanitarias, convocante dos paros, resaltan tamén a grande participación da manifestación celebrada en Compostela.

A folga de Atención Primaria na Galiza e a manifestación de profesionais deste sector foi un “éxito” segundo as valoracións emitidas desde a Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS), convocantes dos paros desta cuarta feira 19 de xuño.

Sitúan ademais desde AAS o apoio nalgunhas áreas sanitarias como a de Vigo e Ferrol nun 90% de seguimento e un 70% en Pontevedra, mentres que en zonas como Lugo e Ourense acadouse o 50%. Resaltan ademais a importante incidencia que a folga obtivo nos centros de saúde pequenos, pois ficaron practicamente baleiros.

As cifras da Consellaría de Sanidade supoñen unha grande rebaixa respecto ás das e dos convocantes

Pola contra, as cifras da Consellaría de Sanidade supoñen unha grande rebaixa respecto ás das e dos convocantes, calculando o seguimento por estruturas organizativas e asegurando que este foi do 11,4% na EOXI de Ourense; do 12,3% na EOXI de Lugo; 16,9% na Coruña; 20,1 na de Santiago; 29,5% na de Ferrol; 30% na de Pontevedra e 34,8% en Vigo.

A capital da Galiza acolleu ás 12 do mediodía unha grande manifestación do sector. Un dos portavoces da AAS, Ramón Veras, declaraba a Semos Galiza que se houbese que sintetizar nunha frase o motivo da folga sería "Queremos tempo para atender as e os nosos pacientes, para facer o noso traballo correctamente". 

Desde AAS quixeron agradecer a xente que acudiu aos centros de saúde e transmitiron que entendían e apoiaban a reivindicación

As e os convocantes sinalaron a “perfecta” cobertura dos servizos mínimo permitindo atender as urxencias, e pediron a comprensión ás e os pacientes xa que a súa loita é en beneficio da saúde de todas e todos. Nese sentido, desde AAS quixeron agradecer a xente que acudiu aos centros de saúde e transmitiron que entendían e apoiaban a reivindicación.

 

Os motivos da folga

Os paros responden á denuncia continuada das e dos traballadores da sanidade pública perante o deterioro que nestes anos sufriu a Atención Primaria, cunha grande perda das condicións de traballo asistencia, tal e como denuncian as e os convocantes, debido aos recortes e á “mala xestión”, a carencia de recursos e falla de persoal; que xunto a “nula intención da Consellaría de Sanidade de atender as necesidades da asistencia ás aos pacientes” volven a situación insostíbel.

Os paros responden á denuncia continuada das e dos traballadores da sanidade pública perante o deterioro que nestes anos sufriu a Atención Primaria

O persoal profesional da Atención Primaria anunciou que continuará cos protestos mentres non haxa por parte da Consellaría unha solución real, xa que implica a vida profesional para as e os traballadores e a mellora de atención para as e os pacientes.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/exito-da-folga-da-atencion-primaria/20190619200713081040.html


© 2019 Sermos Galiza