Imprimir

Ezetaerre, compañeiros combatentes

Marga do Val | Escritora

Sermos Galiza | 11 de setembro de 2019

Escríbovos con moita máis ilusión no futuro, na cabeza un retrouso cantado por vós; vén por un tendido de luz, por un fío vermello: somos pobo. Nisto creo, para mudarmos as cousas. Vós, compañeiros combatentes, guerreiras, fillas de Ayotzinapa, obreiras de Alcoa, herdeiras de quen venceu o vento, sabedes que é hora de que as vencidas escriban a súa historia, de limpardes o po do arquivo da memoria, esa verdade que sempre está aí e de cantar: “Dignidade, solidaridade, humildade, berrando xunto ao mar para a colectividade”.

Con moita máis ilusión, Garchu, Petrowski, Pirola e Álvaro, desde a actuación en Mañaria, no parque do Urkiola, onde cantamos e bailamos, pensamos e rimos, continuou a nosa viaxe, que por vós, nos levou a Euskal Herria. Gustaríanos que nos acompañásedes na visita ao Museo da Paz de Gernika, entrarmos na casa de Begoña para nos trasladar ao día terríbel do 26 de abril de 1937; camiñarmos polas estancias que demostran a grande mentira sobre a autoría da destrución que o franquismo nunca recoñeceu.

Como dicides: “Non é que os fascistas queiran volver. É que nunca marcharon, queda todo por facer. Tecer, prender e comprender”. Tamén nos viñestes á cabeza no Guggenheim en Bilbo, na exposición de Jenni Holzer, de seguro, vos habería de gustar a súa obra, os seus Truisms, oracións ao xeito de aforismos: “O amor romántico inventouse para manipular as mulleres”.

Comezou a escribilas no seu tempo de estudante, no 1977, logo fotocopiounas e pegounas pola cidade de Nova York. Esta acción é algo que tamén ten que ver convosco, a palabra para chegardes á xente. As súas frases na cidade non deixaban indiferente a ninguén, remataron no dominio público en moitas camisolas: “As malas intencións poden ter bos resultados”. Nós sabemos dalgunhas das vosas “Evidencias”: “Non é verán de Estrella Damm”, “Aprendendo do pasado agroma unha esperanza”, “Non permitiremos unha segunda transición”, “Cadaquén vén dunha loita, dun desexo ou sufrimento”, “Criarse en Palestina é unha infancia clandestina”, “Que nos pasen os anos, medremos entre loitas”, “As que collan o relevo aprenderán da vosa historia”…

Cada persoa que vos segue, que sabe todas as vosas letras, podería elixir outras, seguro que se sente identificada con moitas: “Tan parvas non somos, señor xuíz”, “Caga a sentenza, abres a veda”. A obra de Holzer é importante, creo que xa hai un diálogo entre a súa obra e vós, sen que aparentemente vos puxésedes a falar. A serie que iniciou despois dos sucesos do 11 setembro de 2001, converter o arquivo, o segredo, a censura e a denuncia en arte para o pobo, como mínimo conmociona, traballou con documentación do FBI, das campañas militares estadounidenses, do centro de detención de Guantánamo, información impresa de detidos, de interrogatorios, informes… Reproduciu estes textos, en letreiros Led, en pinturas ao óleo, en proxeccións lumínicas. Tirou a verdade á luz.

Podería dicir convosco: “Pólvora e tormenta”. Mais eu escribo para vos dar as grazas, polas boas letras, boas para o ensino, boas para que se vexa, que non é doado responder esa pregunta: “Dime ti, como constrúo a miña vida? Boas para furar conciencia: “Teño irmáns na emigración, traballando por dous duros”. Poesía combativa contra o país dos ananos, música que nos leva pola historia das loitas desde que o mundo é mundo, a historia da palabra INSURRECCIÓN en maiúsculas, desde as folgas en Berlín, á Brigada Lincoln, desde a Unión en Asturies a Gayoso, a Seoane…

Grazas, polo documental sobre Camilo, o guerrilleiro. Grazas polas primaveras máis para o galego, que levades desde Catalunya a Euskal Herria e polas outras linguas en que nos facedes cantar. Grazas, por falardes co feminino inclusivo. Grazas por darlles alegría aos vellos, ás vellas, por serdes orgullo de pais e nais. Grazas, polo mellor concerto do ano. Grazas, por estardes aí, toleirana mocidade, para espertarmos cunha nova Alborada.

 

[Este artigo foi publicado no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza]

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/marga-do-val/ezetaerre-companeiros-combatentes/20190821172009083279.html


© 2019 Sermos Galiza