Imprimir

Falece Manuel Domínguez, presidente da Asociación de Emigrantes Retornados “Marusía”

C.T. | 11 de xullo de 2019

Manuel Domínguez, nunha rolda de imprensa que dera xunto co BNG.
Manuel Domínguez, nunha rolda de imprensa que dera xunto co BNG.

Manuel Domínguez Rial, presidente da Asociación de Emigrantes Retornados “Marusía”, faleceu na xornada de hoxe despois de sete meses de loita contra o cancro. Os seus restos mortais serán traslados ás 16.30 horas ao Tanatorio de Boisaca. O acto de despedida terá lugar na sexta feira.

Manuel Domínguez Rial naceu en Cambados en 1946 e emigrou antes de cumprir a maioría de idade a Euskadi, onde pasou sete anos en Bilbo e deslocouse a comezos da década dos setenta a Suíza, a onde chegou na compaña da súa parella, sen papeis, traballando como mecánico durante vinte e tres anos naquel Estado. Como comentaría repetidamente aos seus próximos, a súa “foi unha emigración forzosa, por forza maior”, marchou da súa vila fuxindo do mar, ao observar a dureza da vida dos seus maiores.

A mediados da década dos noventa retornou a Galiza, na compaña da súa compañeira e dos seus dous fillos, instalándose en Santiago de Compostela, unha cidade a medio camiño entre o seu Cambados natal e o Curtis da súa parella, para converterse nun picheleiro máis.

Manolo Domínguez, como o coñecían todos os que o trataban, significouse desde moi novo polo seu intenso compromiso social e político. Moi marcado polo ambiente que lle tocou de vivir en Euskadi, colaborou coas actividades da UPG en Suíza, fixo parte do grupo fundador da Asemblea Nacional Popular Galega en Xenebra e foi elixido responsábel da ANPG para todo o Estado helvético o 25 de setembro de 1977.

A súa militancia nas filas do nacionalismo levouno a participar na fundación do BNG após a disolución da ANPG, mantendo vivo durante anos, nunhas condicións organizativas moi precarias polo escaso número de afiliados, a chama nacionalista nos círculos emigrados de Suíza. Á súa volta a Galiza mantivo intactos os seus compromisos políticos, for asumindo responsabilidades orgánicas na organización comarcal do BNG e da UPG de Compostela, for facendo parte das candidaturas municipais dos nacionalistas.

Emigrantes retornados

O traballo de Manuel Domínguez nas diversas entidades dos emigrantes retornados será inxente. Como exemplos, a loita polos dereitos sanitarios plenos dos retornados ao comprobar que determinadas enfermidades recoñecidas en Suíza, como a fibriomialxia, aquí carecían de soporte legal; a fundación da Asociación de Emigrantes Retornados “Marusía”, como espazo de encontro entre aquelas persoas que volveran a Galiza despois de moitas anos na diáspora, pero tamén como ferramenta para facer valer os intereses do colectivo e por suposto a resposta á decisión de goberno central de sancionar e cobrar retroactivamente aos emigrantes polas pensións recibidas dos países aos que marcharan a traballar.

Manolo Domínguez converteuse nun dos rostros máis coñecidos deste conflito, percorrendo todo o país para explicar esta problemática e encabezando moitas das mobilizacións que se deron naquela altura na Galiza.

Manolo Domínguez é desa persoas que deixa pegadas. A súa bonhomía, o seu falar pausado, o seu carácter desprendido, o seu interese por todo o que pasaba ao seu arredor, a súa preocupación polos problemas dos máis ficarán sempre presentes. Ao tempo, a súa ausencia deixará un pouco máis orfos a todos aqueles que o coñeceron e tamén as causas ás que se entregou, como a dos dereitos dos emigrantes, el que non se cansaba de repetir aos mozos “que non emigrasen, que os cartos están ben, pero hai cousas máis importantes como o país, o idioma, a familia e os amigos”.

 

[Nota de edición: Por un erro da Redacción, facíase alusión a "anos de loita contra o cancro", cando eran meses de loita]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/falece-manuel-dominguez-presidente-da-asociacion-emigrantes-retornados-marusia/20190711125108081776.html


© 2019 Sermos Galiza