Imprimir

Falece ‘Pencha’ Santasmarinas, unha das referentes da loita de Xove

Cilia Torna | 31 de marzo de 2019

[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]

Prudencia Santasmarinas, máis coñecida como ‘Pencha’, unha das líderes da loita popular contra a central nuclear de Xove, faleceu o domingo, 31 de marzo, aos 75 anos de idade.

O seu nome ficará ligado para sempre á loita popular contra a central nuclear de Xove. Nada en Santiago de Compostela hai setenta e cinco anos, Prudencia Santasmarinas Raposo, “Pencha” para todas cantas a coñeceron, faleceu o domingo, día 31, na cidade que a viu nacer, a consecuencia dun cancro.

 

As primeiras novas sobre o proxecto de instalar unha central nuclear en Xove colleron a Pencha en Viveiro. Funcionaria do servizo de extensión agraria do Ministerio de Agricultura, desenvolvía diariamente o seu traballo con aquelas labregas e labregos que pretendían expulsar das súas terras e pisaba os mesmos prados onde querían situar a planta de enerxía atómica destinada nun comezo a surtir de enerxía á factoría de aluminio de San Cibrao.

 

Militante dos Comités de apoio á loita labrega, aproveitouse da súa relación profesional coa veciñanza de Xove para organizar as primeiras xuntanzas cos sectores directamente afectados da central nuclear á volta de 1974, comezando en plena clandestinidade a organizar a resistencia á planta.

 

A traxectoria de Pencha Santasmarinas explica as orixes das organizacións clandestinas do nacionalismo e da oposición ao franquismo na Mariña. Alén do seu papel de relevo na loita contra a central nuclear de Xove, onde a súa actuación, como a da súa compañeira de traballo e de loita África Leira, verase favorecida pola súa actividade profesional, xogará un papel decisivo na articulación das plataformas culturais, sindicais e políticas en plena ditadura.

 

Activista no seo da asociación cultural Sementeira de Viveiro, impulsora dos primeiros núcleos das Comisións Labregas na área da Mariña occidental, cofundadora da Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG) no norte do país, sería detida en repetidas ocasións pola súa actividade política.

 

Feminista e ecoloxista

 

O seu compromiso social manteríase intacto até os últimos días. Feminista dunha peza, ecoloxista consecuente e galega consciente, os seus novos compromisos profesionais como funcionaria da Consellaría do Mar da Xunta de Galiza levaríana a despregar un importante labor na mellora dos dereitos das mulleres.

 

Significaríase nesta tarefa, participando na organización das mariscadoras de Pontevedra, loitando polo recoñecemento das mulleres dentro das Confrarías ou  defendendo os dereitos das redeiras até converterse nunha persoa imprescindíbel para as xentes do mar de Galiza.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/falece-pencha-santasmarinas-das-referentes-da-loita-xove/20190331231852077609.html


© 2019 Sermos Galiza