Imprimir

O Feito a Man anima o agosto compostelán con 35 bandas e aristas, da Galiza a Surinam

Redacción | 01 de agosto de 2019

Clarence M. Bekker
Clarence M. Bekker

O festival organizado pola asociación de locais Cidade Vella acollerá nesta a súa edición número 16 artistas de Xapón, Mozambique, Arxentina, México, Brasil, Suecia ou Surinam, alén de artistas galegos.

Case 50 espectáculos da man de máis de 35 bandas e artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella de Santiago nun dos festivais musicais de rúa con máis tradición do país, o Feio a Man.

O festival organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella empeza este 1 de agosto estenderase até o 21 deste mes. Unha cita que oermitirá gozar de diferentes e diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional... e tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré.

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes. 

Nestes 21 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias.  Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, apóstase en promover a escena local. Así, poderemos escoitar bandas como Putan Club, Vudú, Blanca Cendán e Suso Alonso, Leo Burke, Manuel Gutiérrez, Pilo Sierra, The Spoonfuls e moitos outros. 

Alén disto, outro dos obxectivos do festival é a descuberta de novos talentos  chegados de fóra. Así, tamén poderemos ver bandas internacionais como os xaponeses Harmonica Creams, o mozambicano Mohammed Yahya, os arxentinos Ecos e Sofía Viola, os colombianos-guineanos La Rueda, os mexicanos Lariferpol, o brasileiro Arthus Fochi, os suecos The Bongo Club ou a Clarence Bekker Band, desde Surinam. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/feito-man-anima-agosto-compostelan-50-actuacions-da-galiza-surinam/20190801170743082713.html


© 2019 Sermos Galiza