Imprimir

Feixoo non toma en consideración a proposta do BNG de compra de Alcoa por parte do sector público

X.M. | 12 de xuño de 2019

Feixoo, nunha sesión de control
Feixoo, nunha sesión de control

Se á altura do 30 de xuño non aparece unha oferta privada de adquisición da planta coruñesa de Alcoa, a Xunta debe tomar a iniciativa e "liderar" unha operación que incorpore a factoría ao sector público. Esa proposta foi formulada esta cuarta feira por Ana Pontón, líder do BNG, durante a sesión de control ao Goberno. Feixoo nin a tomou en consideración e limitouse a descargar as súas baterías contra A Moncloa e contra o Bloque por se prestar a pactar co PSOE nos concellos e nas deputacións.

A planta de Alcoa na Coruña está nunha situación límite. Niso hai acordo entre goberno da Xunta e a oposición. O asunto foi traído á cámara por En Marea e BNG e o seu debate consumiu boa parte da sesión de control desta cuarta feira. As discrepancias aparecen sobre o que facer. Houbo unha proposta concreta, a formulada por Ana Pontón, quen en todo momento enfatizou que a Xunta ten competencias directas en política industrial. A líder do BNG puxo sobre a mesa a hipótese de que se o 30 de xuño non aparece un comprador privado a Xunta lidere unha operación de adquisición da factoría coruñesa. Feixoo, cuxo currículo non convida a pensar en que estea interesado en engordar a carteira industrial do sector público, deu a calada por resposta. Fontes do BNG dixeron a Sermos que verían con bos ollos que na compra da planta participase tamén o Estado, nunha sorte de xestión conxunta das administracións galega e española

A liña de defensa de Feixoo foi a de disparar contra a política de alianzas do Bloque. No relato do inquilino de Monte Pío, toda a responsabilidade sobre Alcoa recae na Moncloa. O Goberno Sánchez tería enganado o cadro de persoal de Alcoa ao non aprobar o estatuto electrointensivo [un marco tarifario que garanta a competitividade do sector industrial] antes das eleccións municipais e ao ter impedido á planta presentarse á subasta de interrumpibilidade. O PSOE sería por tanto culpábel. E o BNG cómplice ao disporse a pactar coa formación socialista en concellos e deputacións. "Nós defendemos os traballadores [algúns deles presentes na tribuna de convidados da cámara] e vostedes pactan co PSOE en todas as institucións", dixo Feixoo, quen especialmente afeou á líder nacionalista o apoio que os 2 escanos do Bloque prestarán este sábado á investidura da candidata socialista á alcaldía coruñesa Inés Rey.

Pontón contra-atacou argumentando que os concellos, a diferenza da Xunta, non teñen competencias específicas en industria e sobre a política de alianzas, alén de remarcar o achegamento do PP a Vox, lembroulle a Feixoo que o seu partido se abriu á hipótese de considerar un acordo co PSdeG en Ourense nunha operación dirixida a salvar a presidencia de Baltar na Deputación.

Alcoa é unha peza básica no mosaico da industria galega. Un sector da economía do país que, enfatizaron Luís Villares e Ana Pontón, comezou en números vermellos 2019. "A produción industrial decreceu no país neste 2019 11 por cento, 5 veces máis do que a media estatal", denunciou na súa quenda o portavoz de En Marea. Villares deu un dado máis: a contracción da actividade produtiva no país ten como correlato a destrución de emprego e, destarte, "no que vai de 2019, 2,18 de cada 1.000 traballadoras e traballadores no país víronse afectados por un ERE".

Villares demandou a Feixoo que, en relación a Ferroatlántica, a Xunta faga cumprir todos os compromisos adquiridos formalmente pola empresa compradora —o fundo de investimentos norteamericano TPG— [nomeadamente a non segregación das centrais hidroeléctricas do Xallas]. Sobre Alcoa, reclamou ao presidente que tome exemplo do goberno asturiano e se implique na procura dun comprador.

Canto a Ferroatlántica, a resposta de Feixoo foi polo rego do previsíbel: a Xunta garante a non segregación e o cumprimento por parte de TPG do plano industrial. Canto a Alcoa, o titular do goberno galego desviou o tiro a Madrid, como se o seu executivo non tivese ningún rol que xogar. Foi entón cando, xa na quenda de réplica final e sen que Villares tivese opción de resposta, Feixoo descargou o seu ataque máis áspero ao portavoz de En Marea. "Estamos dicíndolle ao goberno central, do que vostedes van facer parte, que están xogando cos traballadores", dixo.

Feixoo deu por feito, por tanto, que a confluencia estará no goberno de Madrid, embora sexa consciente de que quen si non vai estar no executivo é o grupo de 4 deputadas e deputados que lidera Luís Villares, após estes competiren nas urnas con Unidas Podemos nos recentes procesos electorais.

O enredo da elección dos e das senadoras

No confronto con Leiceaga —o portavoz socialista atacou Feixoo pola "atonía lexislativa" que viviría a cámara galega, proba de o goberno galego "non ter proxecto"— as frechas dialécticas voaron arredor do adiamento no proceso de escolla por parte do Parlamento dos tres escanos que lle corresponden a Galiza no Senado estatal.

Leiceaga enfatizou que foi a maioría do PP a que impuxo o aprazamento do pleno extraordinario de elección das e dos senadores de representación autonómica, embora xa existir unha proposta concreta de nomeamentos formulada polos grupos da oposición, e que por tanto o adiamento se debía a que o PP tiña pendente resolver os seus "equilibrios internos".

Feixoo deulle a volta ao asunto e, a mellor defensa é o ataque, puxo o acento en que é a crise de En Marea —sen consenso sobre a súa candidatura para o Senado— a razón que explica por que o pleno aínda non se ten reunido para designar a súa representación na cámara alta. O dardo máis velenoso lanzoulle nesa altura o presidente da Xunta a Leiceaga cando veu dicir que ao que aspira o PSOE é a que o asunto se demore tanto que En Marea acabe rompendo e, por tanto, perda así a condición de segunda forza no Pazo do Hórreo. Nesa tesitura o escano da oposición —ao PP correspóndenlle dous—pasaría a mans do PSdeG.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/feixoo-desconsidera-proposta-bng-compra-alcoa-sector-publico/20190612111028080690.html


© 2019 Sermos Galiza