Imprimir

Feixoo elude desmarcarse da proposta de Casado de relegar o galego

Redacción | 13 de marzo de 2019

feixoo parlamento rueda
feixoo parlamento rueda

O presidente non responde á pregunta realizada por PSdeG e BNG, que lle reprochan que se sitúe a carón dos posicionamentos máis extremos da dereita española sobre as linguas cooficiais no Estado. 

 

Núñez Feixoo evitou responder á pregunta que na sesión parlamentar desta cuarta feira lle formularon BNG e PSdeG: se estaba de acordo coa proposta do presidente do seu partido, o PP, de prohibir que se requira o galego para acceder a un emprego público en Galiza. Feixoo optou por cargar contra os portavoces da oposición, para alén de presentarse como o máximo valedor do ‘bilingüismo harmónico’ ou situarse como representante do ‘sentidiño’ fronte aos extremismos nos que situou BNG e VOX, igualando ambas as dúas formacións.

 

A portavoz do BNG, Ana Pontón, criticou que esa proposta de Pablo Casado supón crear na Galiza unha lingua de primeira (español) e unha de segunda (galego), e que a mesma vai contra o estatuto de autonomía e a lei de normalización lingüística. “Vostede xa protagonizou un dos momentos máis tristes da historia da Galiza, xa usou esa patraña da ‘imposición del gallego’ para ter unha presa de votos. Non o repita”, afeoulle Pontón lembrándolle o apoio pasado do PP a Galicia Bilinüe.

 

Fernández Leiceaga (PSdeG) lamentou que a “axenda extremista de Vox” acabe por contaminar a do PP e Cs, e lembroulle ao presidente de Galiza que o galego é un elemento central do autogoberno. Se non hai ningún problema para o español en Galiza, preguntoulle o portavoz socialista, por que apoia a proposta que procura impoñer o castelán?. O PP no Congreso votou hai uns meses unha proposta de Ciudadanos que vai no mesmos sentido que a que agora formula Pablo Casado, dixo Leiceaga.

 

Feixoo eludiu responder ao que se lle preguntaba. Desacreditou o BNG por ir coaligado ás eleccións “con Bildu e ERC” e discurseou sobre Galiza como exemplo de “bilingüismo cordial e tolerante” fronte ao nacionalismo, que o que trae é, dixo, “imposición, inmersión, prohibición”. De aí o mandatario pasou a afirmar que nunca imos permitir que o nacionalismo se apropie de Galiza”, nunha frase que semella máis pensada para consumo dos círculos político-mediáticos conservadores madrileños que para o Parlamento galego.

 

Industria

 

Luis Villares (En Marea) centrou a súa pregunta na ausencia dunha política industrial para Galiza por parte do goberno galego. Puxo o exemplo de Bosch en Vigo e Poligal en Narón como de empresas que se deslocalizan e deixan centos de persoas no paro. “Onde está a unta para defender os empregos?”, preguntou.  E Feixoo, fiel ao seu estilo parlamentar, respondeu con descualificacións: “A súa política industrial é fechar empresas”, “que vostede fale de política industrial é como se quer dar clases de liderado político”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/feixoo-elude-desmarcarse-da-proposta-casado-relegar-galego/20190313112836077009.html


© 2019 Sermos Galiza