Imprimir

O feminismo fai historia na Galiza

Redacción | 09 de Marzo de 2019

[Imaxe: Concello da Coruña] O centro da Coruña, ateigado
[Imaxe: Concello da Coruña] O centro da Coruña, ateigado

Ducias de milleiros de persoas saíron ás rúas das cidades e vilas galegas para reclamar igualdade o 8 de marzo. Vigo, Compostela e A Coruña acubillaron as manifestacións máis numerosas, que mesmo superaron as de 2018, ano en que se produciu un punto de inflexión na conmemoración do Día da Muller Traballadora ao incorporar a folga como ferramenta de reivindicación.

Rúas literalmente anegadas deixou o Día da Muller Traballadora, que acolleu mobilizacións nas sete cidades e nas vilas do territorio para reivindicar igualdade. Galiza tremeu de norte a sur e de leste a oeste nunha data que recuperou a súa orixe obreira e revolucionaria. Explicábao Margarida Corral, secretaria das Mulleres da CIG, un dos sindicatos que chamou á folga de 24 horas, “non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos cando aínda quedan moitos por conquistar”, advertía desde A Coruña.

 

Precisamente, Vigo –con máis de 100 mil persoas, segundo a policía local–, A Coruña e Compostela foron os epicentros dunha revolución que reclamou a fin do patriarcado e a dignificación do traballo que realizan as mulleres, tamén daquel non remunerado de coidados familiares que adoita recaer nelas. Así, un futuro digno para todas foi reivindicado nas mobilizacións que se repetiron durante a sexta feira, ao entender que “cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga”, en palabras de Galegas8M, plataforma que convocou a inmensa maioría das accións.

 

“Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista”; “O medo vai mudar de bando”; “Non estamos todas, faltan as asasinadas”; “Non somos princesas, somos guerreiras”; “O contrario do feminismo é a ignorancia”, mais tamén “Manolo fai ti a cea” ou “Ningunha muller ten orgasmos limpando o chan” formaron parte do mosaico de pancartas que puideron lerse ao longo da Galiza.

 

Seguimento da folga

 

Galegas8m chamou á greve feminista de 24 horas, se ben non todos os sindicatos se uniron á convocatoria. As asembleas de mulleres de CIG, CUT, CNT, e SLG, que forman parte de Galegas8m, convocaron cadansúas convocatorias de paros de 24 horas. CCOO e UXT fixérono a nivel estatal, con paros de dúas horas por quendas.

 

Segundo a CIG, na sanidade pública só entraron os servizos mínimos e a greve tivo unha “grande incidencia” na Atención Primaria, malia os "servizos máximos" decretados pola Xunta. Nos sectores máis precarizados e feminizados da Administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o paro foi “masivo”, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego.

 

Na administración xeral da Xunta de Galiza foi desigual en atención aos departamentos, centros e xefaturas territoriais, cun seguimento de arredor dun 50% de traballadoras que secundaron a convocatoria de 24 horas na quenda de mañá na Xunta de Galiza. Os sindicatos denunciaron que o estabelecemento dos servizos mínimos abusivos dificultou a moitas traballadoras a súa participación na folga.

 

O 100% das traballadoras de ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio colectivo digno, tamén se sumaron á convocatoria de folga de mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente masculinizado, informa a CIG, que indica que se produciu “unha paralizacion absoluta” no ensino secundario e universitario e unha moi alta participacion na folga das mestras e profesoras, superando o seguimento do ano pasado.

 

Por comarcas

 

A CIG, o sindicato que deu conta do seguimento da folga a nivel galego, sinalou que o paro tivo un elevado seguimento na comarca de Vigo, onde se viron afectadas a limpeza das escolas infantis e do hospital Álvaro Cunqueiro, o servizo de cociña do hospital vigués, a recollida do lixo ou o mantemento de parques e xardíns. Empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Grupo Copo, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia, Carchidea, Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato, Conservas Rías Baixas, Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez, Selmark, Gefco, Vitrasa, Alcampo, Froiz, Bosch, Unísono, Satec, Experis, Boycor, Cetmar, Prosegur BPO, AXA, Construdata 21, Lidera, IS2 e Ader tamén se viron afectadas.

 

Na Coruña o seguimento da folga deixouse notar na administración pública, pois fecharon todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. Tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. O impacto da folga percibiuse na Praza de Lugo, onde un piquete informativo da CIG repartiu follas informativas explicando os motivos da convocatoria e das mobilizacións convocadas. As tendas de Oysho do centro comercial Marineda City e Catro Camiños fecharon, así como as de Stradivarius de Marineda e Praza de Lugo. Aínda que desigual, houbo un seguimento no resto das tendas do Grupo Inditex. O comedor de Zara Loxística non puido prestar servizo porque a maioría das  traballadoras secundaron a greve. En Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento superou o 80%.

 

Na comarca de Compostela, a folga deixouse sentir no sector servizos, onde máis do 60% das traballadoras das tendas Inditex do centro comercial As Cancelas secundaron o paro, ao igual que as mulleres das tendas Oysho e Stradivarius do centro da cidade. No hospital Clínico, alén do seguimento entre o persoal sanitario, o 100% das traballadoras da cafetería non acudiron aos seus postos. E pararon tamén mulleres do concesionario de Toyota, de Intelsis e de Senande. Ademais en empresas como Indra, o seguimento foi do 50%; en Feafes do 75% e en Dinahosting do 60%, salienta a CIG.

 

En Ferrolterra o paro foi secundado polas mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón).

 

No caso do Morrazo, a folga deixouse notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. A respecto de Pontevedra, en  Treves, firma do sector da automoción, o seguimento foi total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria situouse en torno ao 80%. Esta mesma porcentaxe rexistrouse na limpeza dos colexios públicos, mentres que no caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixou ao 40%.

 

Na comarca do Salnés o paro tivo impacto nas conserveiras Thenaisie Provote (O Grove) e Perez La Fuente (Vilanova de Arousa), cun 100% de seguimento. Noutras  empresas como Serpeixe, Roma, Friscos, Cefrico, Atunlo e Isabel a incidencia foi tamén “bastante importante”, di a CIG. En Pull&Bear o paro de mulleres foi total, mentres que en Bershka tivo un seguimento moi elevado.

 

En Ourense, a folga percibiuse nas tendas do grupo Inditex e en Desigual, en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.

 

En Lugo fíxose notar con especial incidencia no Centro Comercial das Termas, onde se rexistrou un elevado seguimento da folga entre as traballadoras do Eroski non cooperativistas -de feito a sección de frescos non puido abrir por non haber quen a atendese-. Aliás, ffechou a tenda de Lefties. No caso do Carrefour, o 40% das traballadoras non entrou traballar.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/feminismo-fai-historia-galiza/20190309101654076905.html


© 2019 Sermos Galiza