Imprimir

“Os fenómenos meteorolóxicos extremos van a máis”

X.M.P. | 09 de xullo de 2019

Imaxe: Protección Civil de Verín
Imaxe: Protección Civil de Verín

As treboadas que deixaron esta segunda feira ducias de incidencias no interior da Galiza teñen a súa orixe nunha bolsa de aire frío que levaba días fronte ás costas galegas e que o domingo comezou a moverse cara ao interior. O meteorólogo Carlos Balseiro explícanos o porqué das fortes chuvias.

A treboada de choiva e pedrazo que na tarde desta segunda feira caeu en determinadas zonas do interior da Galiza como Valdeorras e Monterrei provocou ducias de incidencias: inundacións, cortes de luz ou o resgate de varias persoas que ficaron illadas nas súas vivendas. Deixou tamén importantes danos en hortas e viñedos (o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras cifra en até 20% a perda da colleita). Consecuencias do que as e os profesionais da meteoroloxía coñecen como rebentóns ou microrebentóns das nubes, que deixan tormentas e saraibadas nuns fenómenos que son “moi locais, moi puntuais e moi bruscos”, en palabras de Carlos Balseiro.

Balseiro, meteorólogo, sitúa a orixe do que aconteceu na tarde desta segunda feira varios días atrás, no domingo de San Xoán. “Había unha bolsa de aire frío en altura, unha zona illada e rodeada de zonas de ar quente, fronte ás costas galegas”.

Esa bolsa, lémbranos, evitou que Galiza padecese a vaga de calor que a pasada semana abafou case toda a Península agás o norte. “Este domingo ese aire frío en capas altas comezou a moverse cara á Península, onde coa calor que facía en superficie deuse unha diferenza de temperaturas”. Esa diferenza provocou “ascensos e descensos bruscos de ar” e xerou un fenómeno de condensación, con “pingas de auga que son moi grandes” polo brusco do proceso. E tamén pedras de xeo, que acaban “descargando” e fano con “virulencia”, como a sarabiada destas horas pasadas.

Leva esta treboada e sarabiada o carimbo do cambio climático? “Aos fenómenos que se lles enmarcan como produto do cambio climático hai que sometelos a estudos de atribución: por exemplo, pasarían se non tivésemos temperaturas que levan en ascenso desde hai anos?”. Con esa suba de temperaturas, aclara, “hai máis facilidade de que pasene stas cousas”. De feito, conclúe, “os fenómenos meteorolóxicos extremos van a máis”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/fenomenos-meteoroloxicos-extremos-van-mais/20190709132617081688.html


© 2019 Sermos Galiza