Imprimir

A Festa do Orgullo LGTBI de Lalín reivindica a tolerancia e a diversidade

Redacción | 03 de maio de 2019

A localidade volve convertirse en espazo cultural festivo, de lecer e participación en torno ao respecto a diferentes expresións e identidades de xénero.

“Orgulloso de ser quen es, aquí tamén”. O lema da Festa do Orgullo LGTBI de lLalín mantense na súa cuarta edición, que decorre esta sexta feira e o sábado na capital do Deza. Unha cita na que haberá un completo programa de actividades, desde accións educativas ás de caracter cultural ou aquelas máis festeiras. A decana da Facultade e Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández, é a pregoeira desta cuarta edición, collendo así o relevo do xornalista da TVG Alfonso Hermida.


Este evento foi medrando ano tras ano, partindo da reivindicación e defensa da tolerancia e a diversidade desde o rural, e na actualidade a súa repercusión xa sobrepasa as fronteiras de Galiza, chegando a Portugal e o Estado español.


O IV Seminario de Educación Afectivo Sexual e Diversidade é unha das citas desta Festa do Orgullo e nel participaron escolares dos centros de ensino secundario de Lalín e tamén doutros concellos.


Ao longo desta Festa haberá coloquios e palestras, nos que se analizarán e debatirán temáticas diversas relacionadas co motivo deste encontro. Mais tamén hai unha aposta polo espectáculo, coa actuación de Pablo Méndez Perfomance, que recunca en Lalín após o éxito da súa intervención o ano pasado. Broken Peach e Enfant Bello DJ poñerán o ramo na noite da sexta feira.

 

O sábado a Charanga Mekánica animará as rúas para dar paso ap pregón. A sesión vermú estará animada con Las Antonias e pola tarde tarde será a quenda de Aparato, dúo compostelán formado por María Caramés e Chus Silva, que ofrecerá música electrónica, synth-pop, melodic-bass, house, trip-hop e indie.

 

Pola noite máis música e diversión con Enfant Bello; a formación Cachas and Cousins, de Santiago de Compostela; Roser Divas Disco, que ofrecerá un espectáculo musical con humor, baile e glamour; Strazz, cun formato de banda a rachar e un espectáculo de luces, baile e fantasía, e More Amore Djs, que son "puro show e diversión", segúndo a organización.


“Lalín volverá ser capital da igualdade e da liberdade”, como manifestou a concelleira Celia Alonso na presentación desta Festa.  

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/festa-do-orgullo-lgtbi-lalin-reivindica-tolerancia-diversidade/20190503155619079046.html


© 2019 Sermos Galiza