Imprimir

Festas sen identidade: Oktoberfest... ¡y olé!

H. Pena | 18 de agosto de 2019

Un anuncio dunha Oktoberfest.
Un anuncio dunha Oktoberfest.

Entre cascos viquingos, sombreiros de vaqueiro, touros mecánicos, promocións que incitan a beber sen control e contradín varios aspectos da Lei 11/2010 de Prevención do Consumo de Bebidas Alcohólicas en Menores de Idade e prácticas machistas como concursos de reggaeton ou esixir “boa presenza” para contratar camareiras. Así se está a desenvolver esta semana no recinto do Palexco da Coruña un evento alleo que se está a expandir por todo o territorio galego.  

M_3_OktoberfestA Oktoberfest, nada en 1810 “na honra do rei Luís de Baviera” e co tempo convertida “nunha exaltación da identidade bávara e da cidade de Múnic”, é xa “a festa popular máis importante do mundo”, como explica o catedrático da USC Xosé Manoel Núñez Seixas, residente na propia Múnic entre os anos 2012 e 2017.

Introducida pola comunidade xermana emigrada no Estado español a principios dos 70, desde Compostela ou Vigo até Cangas, Baiona ou Salceda, a festa da Oktoberfest leva máis dunha década estendéndose por todos os currunchos da xeografía galega. Nalgúns casos os promotores son asociacións culturais, veciñais ou equipos de fútbol modesto que ven unha oportunidade de financiar as súas actividades, pero noutros trátase de grandes empresas de fóra de Galiza cuxos fins son ben diferentes.

É o caso da que se celebra na Coruña até o vindeiro 17 de agosto no recinto do Palexco. A organización –que depende dunha empresa madrileña que aluga o recinto, e cuxos responsábeis veñen de pasar por un duro proceso xudicial a consecuencia da caída dunha viga do teito sobre unha muller que quedou con graves secuelas durante a Oktoberfest de Zaragoza en 2016–, xáctase de crear o concepto da Oktoberfest Olé, un símbolo da “españolización” dunha festa que xira por todo o Estado. “Aquí non cantamos muiñeiras”, como eles mesmos aseveran, toda unha declaración de intencións sobre un evento no que resulta imposíbel atopar un só menú, cartel ou empregado usando a lingua do país.

Non obstante, no seu Oktoberfest si que hai sitio para a festa dos cowboys –con touros mecánicos e sombreiros de vaqueiro de regalo– ou a festa viquinga, todo entre música de Cher ou Bonnie Tyler. Unha “horterada”, como apunta o profesor Núñez Seixas, que “por suposto” non sucede na festa orixinal. “Os bávaros teñen unha identidade moi clara e moi forte, non se ve xente vestida de viquingo nin de Darth Vader”, engade.

 

[Podes ler a información íntegra no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/festas-identidade-oktoberfest-ole/20190813142758083078.html


© 2019 Sermos Galiza