Imprimir

O Festival Agrocuir da Ulloa renóvase e colle pulo

Redacción | 13 de maio de 2019

Imaxe dun recente Festival Agrocuir en Cumbraos (Monterroso). Foto: Festival Agrocuir.
Imaxe dun recente Festival Agrocuir en Cumbraos (Monterroso). Foto: Festival Agrocuir.

As mudanzas a tempo poden ser unha vitoria. Algo así pensou o Colectivo Agrocuir da Ulloa, que, despois de cinco edicións con éxito e repercusión crecentes, introduce variacións no seu recoñecido e admriado festival. A primeira, o escenario: este ano as actividades trasládanse a diferentes espazos na vila de Monterroso. A segunda, o prezo: pasa a ser de balde. E para financialo poñen en marcha unha campaña de microfinanciamento.
 

“Queremos que o festival sexa o máis aberta e accesíbel posíbel para a xente da Ulloa e arredores e non se cobrará entrada”, argumenta a organización. A iniciativa de crowdfunding -na plataforma www.goteo.org- busca cubrir os “gastos básicos” do evento con 11.300 euros. En apenas dúas semanas recadou o 22%.

 

As persoas doadora recibirán por cada achega obxectos de mercadotecnia do Agrocuir e outras asinadas por artistas participantes, cestas de produtos da comarca, visitas guiadas ou estadías rurais. Pódese colaborar até o vindeiro 15 de xuño.

 

O cambio de localización é a outra gran novidade da festa, que se celebrará este ano o 30 e 0 31 de agosto en Monterroso. “Polo momento deixamos descansar a Granxa Maruxa”, situada na parroquia de Cumbraos, a tres quilómetros da vila, “e imos durante toda a fin de semana a diferentes lugares de Monterroso”.

 

O Festival Agrocuir procura “visibilizar un rural afectiva e sexualmente diverso” e “protexer o patrimonio material e inmaterial” da Ulloa. O papel das mulleres “no sostemento da vida e na defensa da terra” é outro dos obxectivos dun encontro con concertos, debates, presentacións de libros, mercadiño, confraternización, baile, bebida e comida.

 

Estas semanas, membros do colectivo organizador presentan o proxecto fóra de Galiza: hai pouco levárono a Lisboa, ao Ciclo de Resistência Cultural Galego-Portuguesa. O 5 de xuño irá a Soria, ao III Foro Cultura e Ruralidades, organizado polo Ministerio de Cultura. E o 3 de xullo, ao Madrid Summit II, a Conferencia Mundial de Dereitos Humanos LGTBIQA+.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/festival-agrocuir-da-ulloa-renovase-colle-pulo/20190513115658079517.html


© 2019 Sermos Galiza