Imprimir

O Festival de Locarno estrea 'Longa noite' de Eloy Enciso

Redacción | 14 de agosto de 2019

Fotograma de 'Longa noite', de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.
Fotograma de 'Longa noite', de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.
O público asistente ao Palexpo de Locarno, en Suíza, esta cuarta feira 14 de agosto ás dúas da tarde, será o primeiro en ver Longa noite, o último filme de Eloy Enciso. A obra, unha indagación formalmente rigorosa e emocionalmente dura na memoria histórica, compite no concurso internacional do prestixioso certame polo Leopardo de Ouro. Outras 15 fitas optan a el.

Construída a partir de textos literarios de Ramón de Valenzuela, Max Aub, Jenaro Marinhas del Valle ou Alfonso Sastre, Longa noite relata o regreso á terra dun home escapado despois do 36. Silencios e feridas, ocultacións e certa poética do desarraigo poboan un filme en que a maior parte dos actores e actrices non son profesionais: Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Manuel Pozas, Verónica Quintela, Manuel Pumares, Suso Meilán ou Celsa Araújo. Enciso escolleu para rodar localizacións en Pontevedra e en Lugo.

A anterior longametraxe do cineasta de Meira, Arraianos, apoiábase nunha peza dramática de Marinhas del Valle. Tamén se estreara en Locarno, mais na sección paralela Cineastas do presente.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/festival-locarno-estrea-longa-noite-eloy-enciso/20190813173956083088.html


© 2019 Sermos Galiza