Imprimir

Un fillo da aldea que traballou toda a vida por amor a Galicia

María Xosé Fernández Cerviño | 14 de maio de 2019

Foto de familia. De esquerda a dereita, a tía Erundina, o tío Lorenzo, o pequeno Antonio Fraguas, a súa nai Teresa e a súa tía María (foto Zabala, Pontevedra, 1907).
Foto de familia. De esquerda a dereita, a tía Erundina, o tío Lorenzo, o pequeno Antonio Fraguas, a súa nai Teresa e a súa tía María (foto Zabala, Pontevedra, 1907).

O atributo “da aldea” repítese como un refrán ao longo da biografía de Antonio Fraguas. Nunca deixou de selo. As súas raíces mantivéronse incólumes ao longo de noventa e catro anos, sen se veren afectadas polas mudanzas de residencia ou de situación persoal e profesional. Ocórreseme pensar no noso personaxe como un Titán popular, non pola súa estatura física, senón pola talla humana que foi medrando cos anos e, sobre todo, porque necesitaba o contacto permanente coa terra nutricia, da que tiraba a súa forza.

Sen títuloInsuela é unha das dez entidades de poboación que conforman a parroquia cotobadesa de Santiago de Loureiro, á beira da estrada PO-235 que une os concellos de Cotobade e A Lama. Aquí naceu Antonio Fraguas o 28 de decembro de 1905. A nai, María Teresa Fraguas, natural da parroquia de Armeses, no concello ourensán de Maside, viñera criarse a Insuela co seu tío viúvo, Santiago Ogando. Na única foto que coñecemos da súa primeira infancia aparece Antonio, que debe de andar apenas polos dous anos de idade, rodeado pola nai, o tío Lourenzo e as tías Erundina e María, todos tres irmáns do pai, Manuel Fraguas, canteiro que, pouco antes de nacer o fillo, marchara para o Brasil, como moitos da súa profesión e contorna. Trátase do clásico retrato de familia para enviar aos parentes da emigración e o aspecto dos personaxes fai pensar que, sen seren ricos, non pasaban apuros. O tío avó, que foi como un pai para a súa nai, tiña algún patrimonio, como indica o feito de que fose un dos veciños que dispoñía de máis tempo no uso do muíño de herdeiros, 24 horas cada quince días. Cando Manuel regrese da emigración, en 1912, a pequena vivenda labrega transformarase nunha casa de amplitude considerable.

 

Da súa nai aprendeu Antonio as primeiras letras e a criada da familia, unha muller analfabeta oriúnda das terras de Mondariz a quen chamaba mamá Antonia, foi a súa verdadeira mestra neses anos en que a sensibilidade e a memoria se nutren de contos e cantos, de oracións e sentenzas. Aprendeu como funciona o mundo participando nos traballos da facenda e a terra, nas muiñadas e nos seráns, nos xogos, na igrexa e nas romarías.

 

Na escola

 

Desde a distancia, Manuel Fraguas insistía en enviar o fillo á escola local, no veciño lugar da Costa. Este é o outro pólo da súa infancia, que don Antonio describe como unha escola cativa, cun mestre inculto e carente de vocación que maltrataba os alumnos e non ensinaba nada. Pero el non perdía o tempo. Dotado dunha intelixencia e unha curiosidade innatas, observaba a realidade circundante, os cambios da natureza, o ritmo das estacións, as pedras e as augas, que conformarían a esencia dunha cultura e unha vocación: Galicia.

 

Xa adolescente, veu redimilo daquel estado de ignorancia inducida outro mestre que abriu escola no lugar de Famelga cando o pai andaba a preparar unha segunda emigración, desta volta levando a familia canda si. Este novo mestre foi quen de adiviñar no rapaz unha disposición innata para o estudo e de convencer o pai de que o deixase quedar e lle dese “una carrerita”. E foi a resolución da nai a que inclinou a vontade paterna.

 

Antonio chega ao Instituto de Pontevedra con 13 anos. Aproba o ingreso e o primeiro ano por libre e incorpórase ás aulas en setembro de 1919. Inmediatamente é clasificado como “alumno da aldea”, pero iso non tivo nel un efecto adverso nin foi inconveniente para que se integrase entre os mozos da capital. O seu bo talante e simpatía, xunto coa súa esperta intelixencia, procuráronlle un lugar entre os alumnos destacados, e o máis importante para enxergar o futuro ía ser o profesor de Ética e Rudimentos do Dereito, Antón Lousada Diéguez, a quen había considerar para sempre seu mestre inesquecido. El inspiroulle o amor consciente por Galicia, que o alumno xa albergaba como un sentimento natural, de igual xeito que, andando o tempo, o mesmo Fraguas o inculcaría nas sucesivas xeracións que pasaron polas súas aulas na Estrada, en Lugo e en Compostela.

 

Dese momento en que coinciden na súa vida Lousada Diéguez como profesor e Sebastián González García-Paz como compañeiro das aulas arranca a súa entrega ás cousas da Terra. Na casa de Sebastián, onde se reunían para estudar na boa biblioteca da familia, un grupo de condiscípulos do último curso crean a Sociedade da Lingua. Aínda que a iniciativa tivo unha existencia efémera, porque os tempos andaban revoltos e os membros axiña se ían dispersar, sería o primeiro chanzo dunha traxectoria que logo tería continuidade en todas as institucións significativas na normalización da cultura galega.

 

Tempos de fraternidade

 

Remata o sexto curso no verán de 1924 con sobresaliente e matrícula de honor na disciplina que impartía Lousada Diéguez e o 30 de setembro colle o tren, por primeira vez na súa vida, para ir matricularse na Universidade de Santiago no Preparatorio de Filosofía e Letras e Dereito. Na Compostela do seu tempo de estudante iríanse enfiando o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e, logo, o Partido Galeguista, onde se tece a fraternidade cos adaís do galeguismo, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, e cos seus compañeiros de xeración, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío, Alfonso Vázquez Martínez.

 

O matrimonio con Teresa Magariños, en 1932, supón un novo marco no itinerario vital de Antonio Fraguas. Logo do corte bárbaro da guerra civil e a ditadura, a partir dos anos 40 sucédense, ao compás da súa rehabilitación no ensino, a creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, o ingreso na Real Academia Galega, a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, a Academia Galega das Ciencias, o Museo Municipal de Santiago e, xa en 1976, o Museo do Pobo Galego. Nestas entidades desenvolveu Fraguas un traballo constante, sistemático, en torno á historia e a cultura de Galicia en todas as vertentes posibles. E en cada un dos seus artigos, libros, conferencias, intervencións nos medios de comunicación, abrolla unha e outra vez o mundo rural e a tradición, con Cotobade como centro de toda experiencia tecida a partir da oralidade, a observación e o estudo.

 

A pesar da distancia física e simbólica que, desde a adolescencia ata o falecemento en novembro de 1999, o levou por outras estancias vitais, Antonio Fraguas nunca deixaría de ser fillo da súa aldea, Insuela, a clave mestra desde a que foi construíndo ese universo chamado Galicia ao que consagrou ilusión e esforzo e que deu sentido á súa vida.

 

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/fillo-da-aldea-traballou-toda-vida-amor-galicia/20190514132317079571.html


© 2019 Sermos Galiza