Imprimir

Fin de verán

Mercedes Queixas | Escritora e profesora

Sermos Galiza | 10 de setembro de 2013

O home das neves, habitante amnésico en El Dorado, xustifica agora o lume no que ardemos un pouco todos e cada un/unha de nós como actos de neglixencias ou ben intencionalidade cando non hai tanto tempo, sen responsabilidade de goberno, azoutaba, mangueira en man, acusando aquela consellaría por primeira vez denominada do Medio Rural de ineficaz. Semellan non ter valor nesta fin de verán aquela palabras súas ante a mesma asfixia e devastación do monte e da terra toda: en situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos Gobernos. E entón o que antes era incompetencia da Xunta cede o paso de pleno dereito ao dedo acusador índice para contraatacar aos incendiarios que seica todos os veciños lle din á Conselleira que ben se sabe quen son (¿?) e demándase a colaboración da cidadanía.

Había unha vez un meteorólogo francés que prognosticou que o verán de 2013 non se detería na puntual estación no paseo anual polo noso país. Xa levamos tempo comprobando, que non afacendo, como todo é recortábel, prescindíbel, renunciábel. Mais o verán non, de ningunha maneira!, sentenciou a cadea de voces, mensaxes de correo, chíos tuiteiros e estados facebookianos, que non nos toquen ese espazo democrático e gratuíto que é a praia, o río e o monte. Prometemos non tomar o sol por enriba das nosas posibilidades!

Felizmente, o meteorólogo convertido en prestidixitador enganouse. Menos mal que esta miudeza, ao igual que outros asuntos ben máis condicionantes para o presente e futuro de todo un Estado, se resolven solidamente cun presidencial, mais simple, me equivoqué, precedente, iso si, do glorioso fin de la cita que foi quen de anular o contido da propia cita previa. El será que o señor presidente do goberno de España non depende moito de citas previas, cando menos públicas?

"Termos vivido ensoñacións varias como asistir á muda do tradicional refrán “Non ter para pan e comer pipas” polo ultramoderno “Non ter para comer e ter tuiter”, acuñado pola alcaldesa de Cádiz"

Será por mostras de ausencia de credibilidade? Máis unha vez, insisto, levamos tempo comprobando, que non afacendo, á sucesiva restra de esquecementos propios do río Lethes, excesos de confianza pseudoinocente, perdas de papeis e xogos de confusión pública que, deitando fóra eufemismos varios, a moral católica apostólica e romana cualifica como quebrantamento do oitavo mandamento e que a xente do común definimos como mentiras. Algunha grave penitencia andará a argallar a alta curia eclesiástica, sempre tan comprometida cos asuntos de Estado, ou é que só o castigo e a pena é para o pobo?

Tivemos verán, iso é o importante! E deberon ser as elevadas temperaturas dalgunhas xornadas estivais ou o nordés compañeiro que se apuntou a gozar tamén canda nós deste verán do que a perda de horas de luz solar xa vai anunciando a sintonía final, que semella termos vivido ensoñacións varias como asistir á muda do tradicional refrán “Non ter para pan e comer pipas” polo ultramoderno “Non ter para comer e ter tuiter”, acuñado pola alcaldesa de Cádiz ou ao reclamo do presidente da CEOU da necesidade de eliminar privilexios dos contratos indefinidos. U-los privilexios, os contratos e os indefinidos?

Aínda ben que o termómetro foi refrescando porque mesmo chegamos a entresoñar que as economías caseiras tocaban fondo de vez e sen opción de remontada ao ler que mesmo a filla do rei tiña que arrumbar as maletas camiño de Suíza. 

Con certeza, foi por causa das mareas vivas recentes que chegamos a visionar bateas mexilloeiras convertidas en colorista pasarela de camisolas ciclistas nunha exhibición friqui do traballo digno da xente do mar. Iso si, só se trataba de dar una vuelta porque calquera mostra iconográfica, bandeira galega incluída, que remitise a que a etapa era galega, podía ter consecuencias polas que habería que responder antes as forzas da orde pública.

Bandeiras galegas que cómpre ocultar á par de bandeiras españolas que é obrigado amosar con orgullo, xunto a palabras do alcalde de Baralla novamente desgarradoras de feridas aínda abertas que fan temer o desexo interno de retorno dun mundo en branco ou negro, sen matices grisentos, de quen non só di o que pensa, senón que di o que outros pensan, senten e calan. Apoloxía, se cadra non tan gratuíta, onde a igrexa amosa, máis unha vez, a súa face máis clásica rojigualda cando, días despois, premia tamén en Baralla, no contexto das festas patronais, como unha das mellores merendas a bautizada como Cara al sol.

E, finalmente, debeu ser a memoria musical persoal que nos levou a procurar os hits do verán que chegamos a aquel estribillo d´Os Resentidos. Cantaruxen comigo: Arde Galicia, co lume forestal, con lume ou sen lume, ti tamén podes arder. E a cartografía toponímica galega, tintada de loito, quéimanos nesta fin de verán como no seu inicio nos derrotou a alma Angrois e A Grandeira. 

"Menos mal que Xibraltar permitiu erguer unha outra metafórica cortina de fume para podermos esquecer algo certos papeis embarullados"

O home das neves, habitante amnésico en El Dorado, xustifica agora o lume no que ardemos un pouco todos e cada un/unha de nós como actos de neglixencias ou ben intencionalidade cando non hai tanto tempo, sen responsabilidade de goberno, azoutaba, mangueira en man, acusando aquela consellaría por primeira vez denominada do Medio Rural de ineficaz. Semellan non ter valor nesta fin de verán aquela palabras súas ante a mesma asfixia e devastación do monte e da terra toda: en situacións coma esta é onde se mide a eficacia dos Gobernos. E entón o que antes era incompetencia da Xunta cede o paso de pleno dereito ao dedo acusador índice para contraatacar aos incendiarios que seica todos os veciños lle din á Conselleira que ben se sabe quen son (¿?) e demándase a colaboración da cidadanía.

Menos mal que Xibraltar permitiu erguer unha outra metafórica cortina de fume para podermos esquecer algo certos papeis embarullados que falan de suposta financiación irregular do partido político que ten a responsabilidade de gobernar a nivel estatal e nacional galego.

Menos mal que as portadas dos medios poden ocuparse agora do intento de montaxe dun ataque ou intervención puntual, é dicir, unha nova guerra imperialista, por parte dun presidente Premio Nobel da Paz, que permita dar saída ao stock armamentístico dos países denominados potencias mundiais. Porque a experiencia bélica recente semella non ter sido lección aprendida para evitar a tempo aqueles denominados en Iraq danos colaterais desde a vía pacífica e a negociación como procedementos básicos para a resolución dos conflitos.

Despedimos o verán mentres os cartaces das festas patronais seguen a rifaren polas orquestras co escenario máis grande, custe o que custar, cuxa calidade se mide en potencia acústica insá, chiscaelas machistas e petición de aplauso e berro.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/mercedes-queixas/fin-veran/20130904141019018620.html


© 2019 Sermos Galiza