Imprimir

“Foi machista sorprenderse de que Ana Pontón o fixese tan ben no debate da TVG”

X.M. | 18 de Febreiro de 2019

Rebeca Suaŕez Andrade
Rebeca Suaŕez Andrade

As mulleres políticas non acostuman a ser o obxecto de estudos académicos. As galegas, moito menos. Consciente desa circunstancia, a xornalista Rebeca Sánchez resolveu investigar o asunto tomando a figura de Ana Pontón como punto de partida. O resultado plasmouno no seu TFM (Traballo de Fin de Mestrado), Medios de comunicación e mulleres políticas. Estudo do tratamento Mediático a Ana Pontón na campaña 2016. A conclusión é que, se ben si houbo un efecto Pontón durante a campaña ("e moi positivo, sobre todo despois do debate da TVG"), a candidata tivo que aturar as focaxes machistas dos meios.

Licenciada en Xornalismo pola USC, Rebeca Sánchez cursou en 2018 o mestrado de Marketing, Consultoría e Comunicación Política da universidade compostelá. O seu TFM, un traballo dunhas 70 páxinas, é o froito desa experiencia académica.

 

Por que optache por estudar especificamente o caso de Ana Pontón?

 

Hai moitos estudos sobre as mulleres políticas e o tratamento que reciben por parte dos meios de comunicación, especialmente en tempo de campaña. Mais non había ningún a nível das políticas galegas, e nomeadamente de Ana Pontón, sendo como é unha figura tan relevante da realidade do país... Foi a primeira política muller que se presentou para a presidencia da Xunta nun partido que xa tiña representación e que a voltou a acadar, non como Cs, que presentou unha muller [Cristina Losada] pero non conseguiu ningún tipo de representación. Por iso non estudei Ciudadanos.

O que fixen foi unha comparativa entre o tratamento que recibiu Ana Pontón e os outros tres candidatos —Leiceaga, Villares e Feixoo. E estudei catro meios de comunicación de prensa escrita, os que naquela altura segundo o Estudo Xeral de Meios tiñan o maior número de lectores en Galiza: La Voz, Faro, El Progreso e El País. Estudei sobre todo as noticias, non os artigos de opinión. Reportaxes, crónicas, entrevistas e noticias puras, até chegar a un total de 325 pezas informativas. Segundo uns parámetros dos que botei man en base a traballos académicos preexistentes, estudei cuestións como por exemplo se nomeaban o xénero da persoa política, se facían alusión a súa familia ou a súa parella, a súa carreira anterior... estudei tamén o espazo que ocupaban as informacións, as imaxes que as acompañaban, onde se facían as imaxes -non é o mesmo unha fotografía nun despacho que ao ar libre—... Estudei tamén se había transferencias, no sentido de se a muller estaba supeditada a unha figura masculina, como lle aconteceu a Dilma Rousseff no Brasil, alí toda a súa campaña remitía para un varón, neste caso Lula Da Silva. No caso de Pontón, non. Foi unha campaña moi personalista, moi centrada nela, moi intentando afastarse do pasado para dar unha imaxe de renovación e positiva. Ben, daquela facía a comparativa dos catro candidatos e vía se ao longo de toda a campaña había un nesgo de xénero nas informacións sobre Pontón.

 

E que conclusións tiras? Sofreu Ana Pontón dese nesgo de xénero?

Eu partía de que si, de que ía atopar ese nesgo de xénero nas informacións sobre Pontón, e non atopei tanto como pensaba. Tamén porque a campaña galega de 2016 é moi digna de se estudar a moitos níveis. É moi particular o que sucedeu naquel momento, coa incorporación de Pontón, a aparición das mareas, o que estaba sucedendo politicamente en España, un panorama con moitas incertezas, a cantidade de líderes políticos do estado que viñeron aquí a apoiar os seus candidatos, e despois a figura de Feixoo que tamén é moi peculiar... Naquel momento anunciárase que ía ser pai e, por exemplo, nas informacións que xiraban arredor da familia ou da paternidade el gañaba por goleada, cando Ana Pontón, por exemplo, non ten ningún tipo de referencia nese campo. O que atopei é que o espazo informativo que acadou Pontón foi menor que o que acadaron os outros tres candidatos. Tamén foi menor o número de citas e alusións a Ana Pontón.

 

Ten tamén a ver o feito de o BNG non ser unha forza maioritaria no Parlamento ou o atribúes a unha cuestión de xénero?

Eu atribúoo máis ben a unha cuestión de xénero. Por exemplo, as mareas naquel momento eran unha novidade. Non tiñan representación no Parlamento e, porén, ocuparon máis espazo informativo do que ocupou o BNG, quen debería ter tido máis porque é un partido que ten tradición histórica, ten representación, etc...

 

Despois tamén entran en xogo as liñas editoriais dos meios.

Si, claro, eu analicei estes catro meios que teñen unhas liñas editoriais moi marcadas.. A verdade é que me tería gustado, de ter tido máis tempo e espazo, expandir o estudo e facelo tamén noutros ámbitos como poden ser a radio e a telvisión, porque creo que podía ter ficado unha cousa moi interesante. 

 

rebeca sanchez andradeSi, porque o grande evento mediático da campaña de 2016 foi sen dúbida o debate da TVG...

Sobre o debate da TVG, o que analicei...

 

Trátalo no traballo?

Un pouquiño porque analizo se se fala ou non da bagaxe laboral da persoa, da súa traxectoria profesional, porque moitas veces as mulleres políticas aparecen sen que se faga alusión ao seu currículo...Un caso moi claro podería ser o de Hillary Clinton cando se enfrentou a Obama [pola candidatura demócrata nas primarias de 2008]. Ela viña de ser secretaria de Estado [o segundo cargo máis importante nos gobernos norteamericanos] e na maioría das informacións o que destacaban os meios era a súa condición de muller de Bill Clinton, a súa condición de ex primeira dama. A Ana Pontón pasoulle o mesmo. Moi poucas informacións recollían toda a súa traxectoria política, o feito de que tiña a carreira de Ciencias Políticas, que estivo no BNG desde abaixo e que estivo en todos os estamentos da organización. Entón chégase ao día do debate e ela, que é unha persoa que ten toda unha traxectoria, que se bregou moitas veces no Parlamento, que coñece os temas e tal... Pois houbo unha certa sorpresa de que o fixese tan ben. E dis ti: por que? Salvo Feixoo, dos que estaban alí era a candidata que tiña máis experiencia parlamentaria, a que estaba mellor preparada a ese nível. Por que sorprende que unha muller que traballa nisto e que leva tanto tempo o faga ben? Aí si que se ve machismo. A idea de que unha muller xoven o vai facer mal...

 

Desde 2016 até agora, con boa parte da lexislatura xa consumida, viche algunha evolución no tratamento deste asunto?

A verdade é que non seguín estudando o tema. A idea era, xa de cara ao doutorado, continuar esta liña de investigación porque me parece moi interesante, dado que na Galiza non hai moitos estudos das nosas mulleres políticas. É un eido que é moi necesario explorar. 

 

Hai unha idea que nos últimos anos si que circula nos aparatos dos partidos, a de que neste momento pode ser un plus presentar mulleres como candidatas nos procesos electorais. Digo isto consciente de que logo ao final a maior parte dos candidatos son homes..

Si, sei que hai certa tendencia a considerar algo máis as mulleres, nomeadamente en determinadas formacións. Por exemplo, o BNG é un partido moi feminizado. Naquela altura era a única forza que presentaba unha muller e iso era toda unha novidade. Cada vez son máis as mulleres que chegan á política. Cada vez, dentro da política, acceden a cargos importantes. E progresivamente haberá máis, sobre todo se os meios camiñan cara a un tratamento ben feito, igualitario, e cumpren co feixe de recomendacións e protocolos de distintas entidades, colexio de xornalistas, etc, que existen precisamente para evitar o machismo.

 

Cada vez haberá máis mulleres en postos importantes, se se avanza na construción de alternativas. Eu, por exemplo, non son votante do BNG, pero a verdade é que a campaña do Bloque -tal e como se orientou e tal e como construíu de abaixo a arriba a imaxe de Pontón- pareceume un traballo marabilloso, precioso, moi ben estruturado, moi ilusionante, nun ámbito en que parecía que todo era desastroso politicamente falando... E sobre todo é importante que as novas xeracións teñan un referente feminino, forte, coherente. Iso diche que é posíbel chegar aí e facer as cousas doutro xeito.

 

Eu entendo que as formacións políticas poden ver ás veces como un activo ter mulleres, pero evidentemente eu espero que sexan mulleres que cheguen aí por méritos propios e que estean o suficientemente preparadas para enfrontar o reto que supón o ámbito político e facer ben o seu traballo.

 

En xeral neste momento canto machismo ves na información política?

Poño un exemplo. Un artigo horríbel, horríbel, do ABC. “O gardarroupa das ministras de Sánchez”. Un artigo que se publicou despois de que se presentase o goberno, o máis feminizado da historia da democracia. Nesa peza falábase das ministras en termos terríbeis. E dis ti, 2018, se as mulleres políticas máis poderosas deste país reciben este tipo de tratamento, como foi todo o anterior? Atopas situacións que aínda chaman moito a atención e que son obviamente machistas e teñen un nesgo terríbel. As noticias sobre a vestimenta e o aspecto físico das ministras póñense ás veces por riba das informacións sobre as súas ideas ou proxectos. Lembro tamén o tratamento que lle dispensaron a Anna Gabriel da CUP e foi tamén intolerábel. Descualificábana polo seu aspecto físico, polo seu peiteado, pola súa roupa.. Isto nas noticias, porque se nos metemos coas columnas de opinión... aí podes atopar cousas moi, moi serias.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/foi-machista-sorprenderse-ana-ponton-fixese-tan-ben-debate-da-tvg/20190215130522076132.html


© 2019 Sermos Galiza