Imprimir

“Foi moi positiva a entrada de seis grupos municipais na corporación”

Redacción | 14 de maio de 2019

Carlos Portomeñe, candidato de ACE á alcaldía de Lugo. Foto: cedida.
Carlos Portomeñe, candidato de ACE á alcaldía de Lugo. Foto: cedida.

Carlos Anxo Portomeñe Pérez (Lugo, 1968) é o candidato de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida á Alcaldía de Lugo. Actual concelleiro e portavoz do grupo municipal de ACE-EU é artesán e escultor. Entrou no Consello Político Federal de Izquierda Unida en 2000 e no Comité Federal do Partido Comunista de España en 2002. Responde a este cuestionario a través do correo electrónico. 

Que supuxeron estes catro anos para Lugo?

No marco estrito da actividade política foi moi positiva a entrada de seis grupos municipais na corporación, pois a diversidade na oposición é unha canle de maior transparencia cara á cidadanía, son máis representantes públicos debatendo sobre diferentes temas e visións que non teñen cabida cando se centraliza a xestión pública en dúas ou tres cores políticas.

 

A maneira de facer política está a cambiar e as prácticas clientelares de PP e PSOE quedaron en evidencia, a xente de a pé xa non tolera certos costumes rancios, hai maiores esixencias de participación cidadá e de calidade democrática. Porén, o goberno non atendeu estas demandas, seguimos con contratacións masivas a dedo, empresas imputadas por corrupción como adxudicatarias habituais do Concello, nomeamentos inxustificados de libre designación, subimos ao "top ten" de cidades do Estado menos transparentes, seguimos cun Regulamento de Participación Cidadá de hai 20 anos que non permite ás asociacións intervir no Pleno...

 

O goberno de Lara Méndez actuou de muro de contención para a radicalidade democrática, lanzouse en brazos de certos lobbies reaccionarios da cidade que queren manter os seus privilexios e continuar coas políticas da época do ladrillo. Nós queremos rachar definitivamente con ese Lugo do pasado, agora é o momento, non podemos esperar máis, estamos quedando moi atrás con respecto ás cidades da nosa contorna próxima, como Compostela ou A Coruña.

 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

O de Lara Méndez foi un mandato falido, que levou o Concello como institución a unha situación peor que na que estaba en 2015, cun goberno en minoría ao que os partidos que investiron á alcaldesa, BNG e Lugonovo, lle outorgaron un cheque en branco. A nefasta xestión de Méndez levounos ao desmantelamento de departamentos esenciais, como o de bombeiros, ao récord de acumulación de servizos sen contrato en vigor, pois pasamos de 6 a 44, coa conseguinte sangría das arcas municipais e a merma de calidade da prestación dos servizos e das condicións laborais das traballadoras e traballadores, a unha viraxe cara ao conservadorismo con actos aberrantes como a xura de bandeira civil ou o intento de aprobar a chamada Ordenanza Mordaza. A situación de caos na administración ten o seu reflexo na cidade, na que segue aumentando a inseguridade viaria e os atropelos, o transporte urbano segue sen atender as necesidades da cidadanía, os barrios están completamente abandonados e con alarmantes situacións de exclusión social en moitos deles. 

 

E o traballo realizado polo seu partido?

Cremos que a ética e a coherencia son os grandes valores do noso traballo estes catro anos, co que conseguimos melloras moi valiosas para Lugo en diferentes ámbitos que nos parecen estratéxicos, como o urbanismo racional e sostíbeis ou o feminismo: incorporación da protección do territorio histórico do Camiño Primitivo ao PXOM de Lugo para conservar como se merece este Patrimonio da Humanidade, aplicación da perspectiva de xénero tanto nas obras e servizos como na elaboración dos Orzamentos, posta en marcha da Ordenanza para Prohibir a Publicidade Sexista na Vía Pública e da Ordenanza de Igualdade de Xénero... A necesaria mellora da calidade democrática e transparencia do Concello tamén foi unha das nosas principais liñas de actuación, propoñendo a implantación efectiva dos Orzamentos Participativos, a reformación do Regulamento Orgánico Municipal e un novo Regulamento de Participación Cidadá, aínda que o goberno de Lara Méndez non quixo dar ningún paso para poñelas en marcha. Aconteceu o mesmo coas iniciativas para acabar cos privilexios fiscais da banca ou a Igrexa, como aumentar a 3.500 euros a taxa polos caixeiros da vía pública, para introducir a progresividade por renda nas ordenanzas ou para municipalizar servizos como a recadación municipal. Foi satisfactorio conseguir estes acordos plenarios pero foi frustrante non velos executados polo empeño sistemático do goberno en ignorar as propostas da oposición.

 

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Levamos insistindo desde que entramos na corporación en que Lugo  precisa unha aposta firme pola rehabilitación, por garantir o dereito á vivenda e por mellorar o seu espazo público con máis zonas verdes e peonís. A solución pasa por poñer en marcha os censos de inmobles desocupados e vivendas baleiras que Alternativa Cidadá de Esquerdas conseguiu aprobar no Pleno, como paso necesario para crear un parque de vivenda municipal en alugueiro social. Todas estas carencias son froito de décadas da política urbanística destrutiva e especulativa de PP e PSOE. Por iso precisamos un novo Plan Xeral que permita un urbanismo pensado para a cidadanía e non para o negocio dunhas poucas construtoras. Cun Plan Xeral centrado na conservación do patrimonio natural e histórico en lugar do beneficio privado das grandes construtoras, aberracións como as Torres do Garañón nunca terían sido posíbeis, por iso consideramos tamén imprescindíbel un novo PXOM. 

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Ademais das comentadas antes, o urbanismo está instrinsecamente relacionado coa mobilidade, ambas teñen que ser sostíbeis para contar cun espazo público de calidade do que a cidadanía poida desfrutar. Por iso crearemos a Axencia Municipal de Mobilidade Sostíbel, encargada da xestión de toda a mobilidade no municipio coas seguintes prioridades: plan Director de Accesibilidade Universal, deseño da Rede de Itinerarios Peonís, plan de Renovación e Eficiencia dos Aparcadoiros Municipais e redacción da nova Ordenanza Reguladora do Estacionamento, Plan Director de Mobilidade Vertical (ascensores e ramplas para salvar pendentes pronunciadas) e Plan Director da Mobilidade Ciclista. Simultaneamente faremos efectiva a ampliación dos itinerarios e horarios do transporte público urbano e tamén no rural, onde as frecuencias serán a demanda, e estabeleceremos a gratuidade para menores de 18 anos, maiores de 65, parados, pensionistas e persoas en risco de exclusión social.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/foi-moi-positiva-entrada-grupos-municipais-corporacion/20190513142105079527.html


© 2019 Sermos Galiza