Imprimir

A folga de Atención Primaria en 5 puntos e un lema: "Pola dignidade"

Redacción | 01 de abril de 2019

Unha representación da Coordinadora Galega de Atención Primaria compareceu en rolda de imprensa para informar sobre os motivos e obxectivos dunha greve na que reclaman mudanzas importantes nun servizo que leva anos en deterioro. Demandan que se abra unha Mesa de Diálogo pola Atención Primaria, na que estean presentes sindicatos, asociacións profesionais, sociedades científicas, para elaborar un novo acordo sobre a Mellora do servizo.

O 9, 10 e 11 de abril todas as categorías laborais do servizo de Atención Primaria en Galiza están chamados a secundar unha folga que os convocantes agardan que sexa “histórica”. Rexistrada a folga a pasada sexta feira, 29 de marzo, unha ampla representación da Coordinadora Galega de Atención Primaria compareceu esta segunda, 1 de abril, para debullar un paro que, sinalan, quer defender e reinvindicar “dignidade” para o servizo.

 

Cinco son os puntos que as organizacións convocantes da greve consisderan “irrenunciábeis” e que centran as demandas de cara á administración.

 

Orzamento. O orzamento actual non serve para atender as necesidades dun servizo de calidade. Os e as profesionais piden un aumento progresivo do mesmo até acadar – nun prazo de 4 anos- 25% do total de orzamento da sanidade pública galega.

 

 Capacidade de planificar. Creación dunha Xerencia de Atención Primaria, en pé de igualdade coa de Atención Hospitalaria, e que teña capacidade de planificar e xestionar o orzamento ou os recursos humanos propios.

 

Máis persoal. Demándase a convocatoria “inmediata”  de todas as prazas necesarias en todas as categorías de Atención Primaria que o precisen. Pídese eliminar as limitacións derivadas da taxa de reposición e que se vaia tendendo a unha diminución das ratios actuais de pacientes por profesional.

 

Acabar coa precariedade laboral. Ínstase a modificar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial, o Nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito Sergas, e melloralo. A fin da precariedade é “imprescindíbel” para garantir 2a calidade da asistencia”.

 

Solución para o problema dos PAC (Puntos de Atención Continuada). Solicitan que se garanta unha prestación asistencial "segura e de calidade".

 

Para negociar estas demandas, as convocantes da folga solicitan a apertura dunha Mesa de Diálogo pola Atención Primaria, na que estean presentes sindicatos, asociacións profesionais, sociedades científicas, para elaborar un novo acordo sobre a Mellora da Atención Primaria."Queremos máis tempo para cada consulta, máis persoal en todas as categorías e rematar coa precariedade", resumen. 

 

“Máis de mil profesionais estamos na Coordinadora”, apontaba en conversa con Sermos Galiza Xosé Dios, médico e membro da Coordinadora, que consideraba que a folga “vai ser histórica”. Xa o é, apunta, desde o momento en que é a primeira que se fai na sanidade galega que nun servizo engloba a todos os sectores: médicos, persoal administrativo, matronas, enfermeiras (se ben o sindicato de enfermería Satse non apoia)...

 

As propostas feitas desde a Xunta para este servizo non convencen a Dios, que considera que non son abondo para facer fronte ao problema, para alén de criticar a actitude da Consellaría, “que un día promete máis de 100 medidas, uns días despois son sete, despois outras...”. Tamén mostrou o seu malestar a respecto das últimas declaracións de Feixoo, que di que non ten coñecemento da folga. “Pois se non sabe, que se informe, e que saiba como está a sanidade”, instouno.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/folga-atencion-primaria-5-puntos/20190401131052077622.html


© 2019 Sermos Galiza