Imprimir

Un A Fondo sobre o patrimonio cultural como futuro

B.P. | 16 de outubro de 2014

O A Fondo desta semana debrúzase sobre a situación do patrimonio cultural galego, as ameazas que o poñen en risco e os potenciais que fan del atractivo e motor de futuro. Disponíbel na nosa loxa.

 

O A Fondo desta semana analiza os riscos que afectan o noso legado cultural, pero vai tamén máis aló. Quere lanzar unha ollada construtiva sobre as posibilidades que, para o país, supón a preservación e posta en valor do patrimonio cultural, tanto no económico (como un dos principais atractivos do turismo que a Galiza chega) como na xeración de comunidade. E faino servindo de foro e de posta en común a experiencias e iniciativas que durante moito tempo camiñaron por separado e que, neste A Fondo, coinciden na necesidade de buscar sinerxías e espazos de colaboración.

Baixo a coordenación de Manolo Gago, xornalista con ampla divulgación da nosa riqueza patrimonial e das iniciativas para a súa recuperación, colaboran o actual director do Centro de Estudos Turísticos da USC, Miguel Pazos Otón; o presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda; a coordenadora do Máster en Valoración, xestión e Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo, Beatriz Comendador, e diversos investigadores e investigadoras do Instituto de Ciencias de Patrimonio do CSIC, tal é o caso de Cristina Sánchez-Carretero, Felipe Criado, David Barrero e Rocío Varela. Carlos Varela, o fiscal superior de Galicia, responde, así mesmo, ás preguntas de Sermos sobre o tipo de delitos, o perfil das persoas que os cometen e o patrimonio afectado, e fai referencia, asemade, ás responsabilidades de Administración e Igrexa.

"O A Fondo desta semana reúne voces e experiencias da Universidade, do CSIC, da arqueoloxía como profesión e do tecido cívico."

Dende a Academia, a profesión e o tecido cívico

O profesor da universidade compostelá, Miguel Pazos, defende o patrimonio cultural como base dun turismo de calidade e sustentábel, baseado naquilo que é senlleiro e diferencial do país, nos seus elementos identitarios. Dende a experiencia da arqueoloxía como profesión falan Felipe Criado, David Barreiro e Rocío Varela. Amosan datos que poñen en evidencia os efectos da crise na profesión e avogan por buscar un achegamento coa sociedade. Dende o tecido cívico fala, precisamente, Manuel Miranda, dende o día a día dunha asociación que naceu para protexer o patrimonio cultural fronte á ameazas que, en non poucos casos, contan coa complicidade da Administración.

Entrevista ao fiscal superior de Galiza

"Hai que vencer actitudes neglixentes e rutinas descoidadas", afirma Carlos Varela, o fiscal superior de Galicia en referencia á actual situación do patrimonio eclesiástico rural.

"Hai que vencer actitudes neglixentes e rutinas descoidadas", afirma Carlos Varela, o fiscal superior de Galicia en referencia á actual situación do patrimonio eclesiástico rural. A respecto do programa "Igrexa Segura-Cultura Protexida", promovido hai dous anos dende a Administración, alude ás responsabilidades da Igrexa e da Administración para a súa posta en práctica: "A Fiscalía Superior concluíu o seu traballo, só falta que os outros parceiros (igrexa e Administración) queira materializalo".

Beatriz Comendador fai autocrítica dende a universidade e avoga pola creación de pontes de colaboración entre academia e sociedade. "Apostamos por un modelo educativo expandido inmerso na sociedade que amose a potencialidade do noso patrimonio cultural", afirma.  Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, abonda no propio concepto de patrimonio e a súa función: "O patrimonio non só 'é', senón que 'fai' cousas, entre outras, construírnos como cidadáns e cidadás".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/comunidade-sermos/fondo-patrimonio-cultural-futuro/20141015183021031450.html


© 2019 Sermos Galiza