Imprimir

"A Fouce", un voceiro para fender a rocha

Manuel Mera | Foi presidente da CIG e foi secretario xeral da INTG

Sermos Galiza | 13 de agosto de 2019

Nunha de tantas conversas con Moisés da Presa, antes das reunións da Irmandade Galega de Bos Aires (IG), nas que este ás veces falábame da Sociedade Nacionalista Pondal (SNP), dado que existía moi pouco escrito sobre esta organización, e que el fora unha das figuras centrais, comprometino a que escribise en A Nosa Terra (ANT) sobre o tema. E así o fixo no nº 516, de xuño de 1971 reproducindo un artigo que fixera no ano 1956 para a revista Galicia Emigrante. Neste número de ANT ademais hai dous artigos meus, ambos con alcumes, un sobre o programa da UPG, e outro encol da cuestión nacional co titulo de: “Unha consigna, liberación”. Neste exemplar de ANT faise tamén mención á morte do poeta de Meira (aínda que naceu en Riotorto) Avelino Díaz, que me presentou, levándome á súa casa tempo antes, Xerminal Filgueira, nacionalista galego e anarquista, que coidaba importante que o coñecese.

Volvendo á SNP, Da Presa lembra neste texto como naceu: “A peña foise alargando con anovados pulos de xente moza, prantexouse axiña a necesidade de construírmos o organismo político galego do cal tan necesitada estaba a colectividade. Foi así como... naceu a Sociedade Nacionalista Pondal, movemento de extrema esquerda –arredista– que tanta gravitación había ter”. Sobre o comportamento e a liña que defendía a SNP, engade o seguinte: “Fronte ao complexo de inferioridade das nosas xentes a eisaltación do galego; fronte ao imperialismo colonialista español, fronte a todas as nosas pauliñas nacionais, o arredismo máis baril e agresivo; fronte ao pintoresco internacionalismo das nosas xentes, a afirmación rotunda de: Galiza célula de universalidade”.

As primeiras xuntanzas da SNP fixéronse cara a agosto de 1927; sería a continuadora da Irmandade Nazonalista Galega (ING)

As primeiras xuntanzas da SNP fixéronse cara a agosto de 1927; sería a continuadora da Irmandade Nazonalista Galega (ING) que nacera dous anos antes.  Esta última tomou a iniciativa de editar en xaneiro de 1926 o primeiro número de A Fouce, como un boletín cultural. No 2º exemplar, en xuño, A Fouce publica os principios da ING, que son: “independencia de Galiza; autonomía municipal; oficialidade do idioma galego; igualdade de dereitos civís e políticos pra muller a pra o home; representación proporcional e non elixibilidade dos que non rendan función útil á colectividade; substantividade do dereito comunal galego; a terra pra os ca traballan; repovoación forestal forzosa; entrega a particulares das terras improdutivas do Estado; libre cambio”.

Da Presa retrata a algúns dos que máis destacaron durante o período na que a SNP editaba A Fouce: “entre outros pasou a ecléctica figura de Edoardo Blanco Amor; o rouco son fisterrán de Antón Zapata García; a senlleira persoalidade de Manoel Oliveira, plea de rexo contido galego; a fina cidadanía ourensán de Lamas Barreiro, peneirando acotío un galeguismo literario; a loura faciana e o verbo aceso de Ramón Suárez Pícallo; o orgaizado pensamento político pleo de acción inmediata de Liño Pérez; o dialogo chispeante a agudo de Ramiro Illa Couto; a fineza espritoal acochada nun inquedo e pequeneiro corpo de Manoel Prieto Marcos; o esprito escúlcante, ateigado de romatismos inxeles a carón dunha enxebre pintura galega da Terra, de clemente López Pasarón; o misticismo ortodoxo encol dunha Galiza insular de Santiago G. Noya; a ourentadora persoalidade de Vicente Barros, plea de humanidade e de aceso e enxebre patriotismo galego...”.

O período máis salientábel de A Fouce foi a partires do ano 1930. Esta etapa coincide coa expulsión da SNP da Federación de Sociedades Galegas (FSG)

O período máis salientábel de A Fouce foi a partires do ano 1930. Esta etapa coincide coa expulsión da SNP da Federación de Sociedades Galegas (FSG). Lembremos que a SNP a diferencia da ING, que lle antecede, non era un pequeno grupo de persoas, mais tampouco unha organización de masas, tendo en consideración seu carácter claramente político e estar na emigración a 12 mil quilómetros da Galiza. En xullo de 1936 contaba con 80-85 membros (A Fouce, Xosé M. Núñez Seixas). Sobre A Fouce dinos Bieito Cupeiro no libro “A Galiza de Alén Mar”: “a saída desta combativa folla non era regular, o mesmo aparecía cada mes como bimensual, pois dependía de como fosen as finanzas. A súa leitura era agardada con grandeira espreita, degorándose coñecer a quen lle caia a “fouciñada”, dos dous milleiros de exemplares que acadaba a súa tirada, máis da metade remitíanse a Galiza a persoalidades destacadas”.

A última A Fouce saíu en xullo de 1936, era o número 88. Neste exemplar valorábase o Estatuto de Autonomía, que a SNP critica: “Cecais nos sexamos pesimistas, pero case que seguro a nosa Patria seguirá como decote, soportando a abafante dominación do centralismo castelán... non é que nos poñamos dun xeito decidido fronte a esta pequena conquista, antes ao contrario; pero sabemos que non é isto o que Galiza precisa... Como paso adiante nos estamos dacordo con este movemento autonómico, e aledámonos de que en Galiza buligue unha tal inquedanza”. No boletín de maio dese ano na capa destacaba un artigo titulado “A nosa Patria é Galiza”, engadindo de seguido entre outros comentarios “Pretendemos edificar máis co exemplo que co discurso... non somos os persoeiros dun povo submiso desleigado e resignado hoxe, somos os heraldos do porvir”.

A SNP e a Fouce tiveron un papel importante na divulgación da situación colonial da Galiza

A SNP e a Fouce tiveron un papel importante na divulgación da situación colonial da Galiza, e polo tanto da necesidade de contarmos con expresións políticas propias para loitar pola liberación nacional e xustiza social. Daquela o papel de vangarda, de martelo, para ir abrindo camiño contra séculos escuridade e represión, e motivo da contundencia respecto daquelas representacións públicas que na Arxentina trataban aos galegos e galegas como persoas nun papel subalterno por natureza. Polo tanto era unha postura política, non sentimental, a ruptura coas concesións que neste aspecto fixera a colectividade e o galeguismo na Galiza. Esta estratexia rendeu froitos “A influencia do SNP e seu voceiro sobre o sector arredista da da FMG (Federación de Mocidades Galeguistas) foi evidente (...) o influxo exerceuse máis ben no nivel ideolóxico e verbal” (Núñez Seixas).

Despois do alzamento militar, da represión, a situación tanto na Galiza como na emigración galega mudou. A SNP dividiuse respecto de como confrontar a nova situación. “Barros manifestaba que compría se fusionar coa delegación do Partido Galeguista (rebautizada a fins de 1936 como Grupo Galeguista de Bos Aires), o que non se aprobou, mais 15 membros da SNP déronse de baixa, pasándose a aquel” (Seixas). Era mediados do ano 1938, e fanse cargo da Pondal Oliveira e Barril, mais a entidade comeza a devecer. Mesmo así houbo unha etapa posterior, na que se publicou a alcumada como “Fouce Vermella” que foi animada por Moisés da Presa e Vicente Barros. Mediante un acordo co PCE creouse un PCG autónomo no que se integraron ademais dos nomeados outros pondaliáns. Porén durou pouco, xa que non se respectou esta autonomía do PC galego.

Comezaría unha nova xeira coa creación da Irmandade Galega de Bos Aires, por iniciativa de Castelao, coa participación salientábel do Grupo Galeguista e de ex-membros da Pondal

Comezaría unha nova xeira coa creación da Irmandade Galega de Bos Aires, por iniciativa de Castelao, coa participación salientábel do Grupo Galeguista e de ex-membros da Pondal. Esta terá cando menos tres fases. A primeira até a morte de Castelao, que será a figura de referencia, unha intermedia na que destacan os sectores moderados na cuestión social (Prada, Abraira, etc). E outra posterior marcada pola Revolución Cubana e a captura do Santa Maria, o nacemento da UPG e o PSG, na que o protagonismo pasa ao sector de esquerda, especialmente aos que proviñan da SNP.

Desta última corrente, lembrar a Moisés da Presa que escribía en A Nosa Terra a columna “Revoldaina”, tiña moita retranca... moitísima! Era un marxista e, polo que souben falando con outros irmandiños, foi unha persoa fundamental na Pondal, xa que participou de todas as xeiras que tivo esta organización, e despois en todo o proceso histórico da Irmandade Galega de Bos Aires. Lembrar que a Pondal, como a Irmandade, eran movementos nacionalistas galegos que abranguían todas as correntes da esquerda e progresistas, dende comunistas até anarquistas (naquel intre moi numerosos) así como das distintas tendencias socialistas, e republicanas. Coido que a SNP como o movemento arredista en Cuba arredor da figura de Fuco Gómez, forman parte dunha das contribucións ao movemento nacional popular e democrático que se desenvolveu na Galiza. Primeiro, durante a loita contra a ditadura franquista, e logo propoñendo unha folla de ruta propia na transición, na autonomía e no limiar da globalización neoliberal. Non se debería subestimar como aporte para esta nova etapa, de aguda crise do capitalismo imperialista, económica-social, climática e civilizatoria.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/manuel-mera/fouce-voceiro-fender-rocha/20190812210802083054.html


© 2019 Sermos Galiza