Imprimir

Os Franco manteñen a súa versión sobre as estatuas ante a xuíza pero sen probas

Daniel Salgado | 01 de febreiro de 2019

As esculturas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo. Foto: Xunta.
As esculturas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo. Foto: Xunta.

O letrado dos Franco empregou, segundo fontes presentes esta sexta feira na vista do xulgado nº1 de Primeira Instancia de Madrid, unha dobre táctica: afirmar que adquiriran as estatuas de Abraham e Isaac nun anticuario -pero que non podían probalo por mor do tempo transcorrido- e asemade argumentar que o suposto delito xa prescribira. A primeira referencia de que as pezas se atopaban en mans dos Franco data de 1961, cando así constaba nunha exposición de arte románica.

 

Para o Concello de Santiago, que presentou a demanda polo civil contra Carmen Polo Franco en outubro de 2017 e, máis tarde, contra os herdeiros -Polo morreu no interregno-, ningunha das razóns esgrimidas polos Franco é de recibo. “Non existe prescrición porque se trata de Patrimonio Histórico Artístico”, din fontes municipais.

 

Durante a ditadura estivo vixente a lexislación republicana -aprobada en 1933 e válida na súa práctica totalidade ate 1985-, que no seu artigo 1 afirmaba: “Están suxeitos a esta lei cantos inmóbeis e obxectos móbeis de interese artístico, arqueolóxico, paleontolóxico ou histórico haxa en España de antigüidade non menor dun século; tamén aqueles que sen esta antigüidade teñan un valor artístico ou histórico indiscutíbel, agás naturalmente as obras de autores contemporáneos; os inmóbeis e móbeis así definidos constitúen o Patrimonio histórico-artístico nacional”.

 

Esa primeira disposición completábase coa 41, que puntualizaba: “Os obxectos móbeis definidos no artigo 1 que sexan propiedade do Estado ou dos organismos rexionais, provinciais ou locais non se poderán ceder por cambio, venda ou doazón a particulares nin a entidades mercantís”. Este foi o caso das estatuas de Abraham e Isaac.

 

Historia da propiedade


Os Abraham e Isaac do Mestra Mateo acabaron como propiedade do Concello da capital galega en 1947. A institución mercoullas ao conde de Xismonde, que as gardaba desde o século XVIII no seu pazo de Vedra, por 60.000 pesetas da época. O nobre incluíu no documenta de compra unha cláusula pola que se as obras deixaban de pertencer ao patrimonio municipal habería que indemnizalo con 400.000 pesetas.

 

As esculturas estiveron uns anos na escalinata do Pazo de Raxoi até que apareceron na mencionada exposición sobre o románico. “Non consta ningún documento sobre a cesión das estatuas a Franco por parte do Concello de Santiago”, indican fontes municipais, “pero existen testemuños que apuntan a que as pezas foron un agasallo a Carmen Polo na visita que o ditador realizou a Santiago en 1954”.

 

O lento proceso da súa recuperación


O primeiro intento de restituír as estatuas á propiedade pública foi durante o Goberno tripartito da Xunta (formado entre 1987 e 1990 por PSdeG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego). Este abriu un expediente finalmente infrutuoso. En 2000, o BNG interesouse polas mesmas no Parlamento de Galiza a través da entón deputada María Pilar García Negro. Pérez Varela, daquela responsábel de Cultura no Executivo de Fraga Iribarne, admitiu que non se realizara ningunha xestión.

 

Foi de novo o Bloque quen preguntou, nun pleno municipal de 2012 en Compostela, polas mesmas. Catro anos despois, o grupo de En Marea no Congreso rexistrou unha proposición non de lei “para instar o Goberno estatal a estabelecer os mecanismos necesarios para lle esixir á familia Franco a devolución das pezas á Catedral de Santiago”. En setembro de 2017, o pleno de Compostela aprobou por unanimidade unha proposición de Compostela Aberta e unha moción do BNG ao respecto. Pasou o mesmo no Parlamento galego a raíz dunha iniciativa de En Marea, xa en novembro dese mesmo ano.

 

O actual Goberno de Santiago -de Compostela Aberta- está “convencido” de que lle será dada a razón xudicial, aínda que prevén un proceso demorado que seguramente remate no Tribunal Supremo. O alcalde, Martiño Noriega, asegura que se darán por “satisfeito cando a xustiza faga xustiza e as estatuas volvan ao patrimonio público para goce da cidadanía”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/franco-mantenen-sua-version-estatuas-xuiz-probas/20190201131450075652.html


© 2019 Sermos Galiza