Imprimir

A Fundación Galiza Sempre estuda personarse na demanda do Estado contra a familia Franco

Redacción | 14 de agosto de 2019

Francisco Jorquera, Lucía Veciño -traballadora da fundación- e Rubén Cela
Francisco Jorquera, Lucía Veciño -traballadora da fundación- e Rubén Cela
O economista Rubén Cela asume a presidencia da Fundación Galiza Sempre ao tomar o relevo a Francisco Jorquera, portavoz do BNG no concello da Coruña. "Hoxe se hai unha denuncia do Estado español contra a familia Franco para recuperar o Pazo de Meirás en boa medida é grazas á Fundación Galiza Sempre", afirmou Cela nunha comparecencia de imprensa.

"Con moito orgullo e responsabilidade asumo a presidencia da Fundación Galiza Sempre", dixo Cela perante os medios, nun acto informativo en que estivo acompañado polo xa ex presidente da entidade, Francisco Jorquera.

Para Cela, a Fundación Galiza Sempre ten un "papel moi importante" a xogar nun contexto en que "a política é inmediatez e hai nela níveis de infantilismo moi grandes". En contraste coa instantaneidade do combate entre os partidos, a FGS postúlase como un "ámbito no que facer unha reflexión pousada, profunda, sobre aspectos que son cruciais para Galiza como nación".

A entidade fará 20 anos nos próximos meses e vai celebrar o seu aniversario con "múltiples actividades" de formación, divulgación e tamén "criación de pensamento", na súa calidade de think tank do nacionalismo.

Pensar e tamén actuar. O activismo da FGS continuará a ser especialmente intenso no campo da memoria histórica. "Hoxe se hai unha denuncia do Estado español para recuperar o Pazo de Meirás é en grande medida grazas ao traballo da Fundación Galiza Sempre e ao libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio [volume da autoría de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo] que serviu de base para esa demanda", dixo Cela, quen avanzou que están a estudar "a posibilidade de nos personarmos como acusación particular" nese proceso aberto polo Estado contra a familia do ditador visando recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.

A etapa de Jorquera

Na súa intervención, Jorquera fixo un breve relatorio a modo de balanzo sobre a súa experiencia á fronte da FGS. Destarte, puxo en destaque a consolidación do Festigal, a edición de diversas publicacións e o impulso dos debates sobre as necesidades de financiamento da Galiza.

"Foi un honor" presidir a FGS, dixo Jorquera, quen considerou un "pracer ceder o testemuño" a quen apresentou como "un profesor, un compañeiro e un amigo", ben como unha persoa formada e chea de "ideas e de enerxía".

Na troca de eloxios Cela gabou Jorquera, de quen dixo que é "unha referencia clave no galeguismo contemporáneo".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/fundacion-galiza-sempre-estuda-personarse-demanda-do-estado-familia-franco/20190814133437083134.html


© 2019 Sermos Galiza