Imprimir

Constitución de 1978, do legado franquista á inevitábel reforma

Xacobe Ferreiro | 06 de Decembro de 2018

[Imaxe: Cedida] O actual rei, Felipe VI, á esquerda, saudando a Franco co rei emérito detrás.
[Imaxe: Cedida] O actual rei, Felipe VI, á esquerda, saudando a Franco co rei emérito detrás.

Naceu do franquismo. Foi unha mudanza lampedusiana ao ditado das esixencias do capitalismo internacional e das súas sucursais españolas para fechar calquera posibilidade de ruptura co réxime anterior. Sometido a referendo do corpo electoral o 6 de decembro de 1978, mais ratificada de facto o 23 de febreiro de 1981, a maioría da sociedade galega aposta na reforma do texto constitucional, segundo as conclusións dos últimos traballos do CIS (74,2 por cento das galegas queren mudanzas na Carta Magna, fronte a 69,6 en España).

4Significou a institucionalización dun modelo político que daba continuidade aos eixos reitores das políticas do réxime do 18 de xullo. Deseñada nos grandes centros de poder imperial, nomeadamente nos Estados Unidos e Alemaña, validado polos sectores económicos e políticos que deran soporte á ditadura, garantido polas forzas armadas e coa monarquía situada como chave de bóveda, veu blindar a natureza unitaria do Estado e o poder dos núcleos oligárquicos. Juan Carlos de Borbón, o herdeiro nomeado por Franco, á fronte da xefatura do goberno; Adolfo Suárez, antigo secretario xeral do partido único, á cabeza dun goberno formado por ministros con experiencia nos gabinetes franquistas, e as forzas armadas, mandadas por unha xeración de militares curtidos na guerra civil e de probada lealdade ao caudillo, como xendarmes. En definitiva, un texto constitucional que estabelecía unha forma de Estado unitario fortemente centralizado, baixo o verniz autonomista e un modelo económico confesional cos principios do libre mercado, funcional ás necesidades de expansión do capital.

 

O nacionalismo ficou só defendendo unha proposta de ruptura democrática fronte ao cambiazo que representaba a Constitución de 1978. A renuncia dunha parte da oposición democrática, nomeadamente do PSOE e do PCE, ás propostas programáticas e aos compromisos políticos que viñeron mantendo até practicamente 1976, deixaron sen incidencia social a contestación ao texto constitucional, agás na Galiza, Euskadi, Canarias e Catalunya. O nacionalismo galego, na súa construción doutrinal, pero sobre todo, na súa práctica política, foi quen de erguer unha alternativa á Constitución española, defendendo as Bases Constitucionais da Nación Galega, ao seu programa económico, rexeitando os Pactos da Moncloa, e ao seu capítulo territorial, a autonomía como manobra para asimilación de Galiza e a súa integración máis eficaz na mecánica colonial.

 

O pobo galego non apoiou maioritariamente a Constitución española de 1978. Mentres no conxunto do Estado 58,97% da poboación validou o texto sometido a referendo hai corenta anos, cun significativo apoio en Andalucía e nas dúas Castelas, a adhesión en Galiza e Euskadi non superou o 50% do censo. Malia a abafante campaña do aparato do Estado e da practica totalidade das forzas políticas de obediencia española, o número de sufraxios afirmativos na Galiza situouse en 44,6% do total do censo, acadando na Coruña o 48,9%; en Lugo, o 37%; en Ourense, o 35,3% e en Pontevedra, o 48,6%. A xeografía da oposición ao texto constitucional correspóndense con aquelas áreas onde a introdución social do nacionalismo era máis forte, destacando o rexeitamento acadado nas comarcas de Lugo e Ourense, onde o movemento nacional popular galego, a través das Comisións Labregas, estaba máis asentado. Así, as cousas, a Constitución de 1978 non será avalada pola maioría do corpo electoral das circunscricións electorais de Guipuzkoa, Bizkaia, Ourense, Lugo, Araba, Pontevedra e A Coruña.

 

[Podes ler a peza íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/galiza-aposta-nunha-reforma-da-constitucion/20181204183229074327.html


© 2018 Sermos Galiza