Imprimir

Galiza, na cabeza dos territorios do Estado con máis feminicidios

M.O. | 26 de decembro de 2015

A piques de se fechar o 2015, Galiza atópase entre os territorios nos que tiveron lugar máis feminicidios, un total de seis. Sitúase após Andalucía, con 12 e da Comunitat Valenciana e comparte o mesmo número de asasinatos que Catalunya.

O balanzo de feminicidios fica lonxe de experimentar mellora ningunha. A 26 de decembro rexistráronse en 2015 o mesmo número de mulleres asasinadas por violencia machista que no día 31 de 2014. A última das vítimas foi asasinada o 23 de decembro en Villena, Alacant.

Segundo os dados oficiais do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, por territorios, onde máis casos de feminicidios se produciron foi en Andalucía, con 12 casos, seguida da Comunitat Valenciana, con nove, e de Galiza e Catalunya, con seis cada unha. As mulleres que morreron no país asasinadas polas súas parellas ou ex parellas foron, de acordo coas cifras oficiais, Isabel Fuentes (Ourense), Beatriz Rodríguez (Arbo), Divina (Vigo), Silvina (Vigo), Conchi Reguera (Pontesampaio-Pontevedra) e María José R.F. (Vigo).

Após Galiza e Catalunya, sitúanse Madrid, con catro feminicidios e Euskadi e as Canarias, con tres cada unha. E completan a listaxe Asturias e Castilla-León, con dous casos cada unha, Illes Balears, Cantabria, Castilla La Mancha, Aragón, Extremadura, Murcia e Alacant, cun caso. Amais, segundo o Ministerio, investíganse outros tres casos: dous en Málaga e un en Asturias. Deste xeito, só en Nafarroa, en La Rioja e en Ceuta e Melilla non se rexistrou ningún feminicidio.

Ademais, Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade apunta que en total ficaron orfos de nai 49 crianzas. Tres menores foron asasinados a mans dos seus pais ou das parellas ou ex parellas das asasinadas. Dez casos atópanse a día de hoxe en investigación, entre eles, o das rapazas de Moraña asasinadas polo seu pai.

Protestos no xulgado de Vigo

O xulgado de violencia sobre a muller do partido xudicial de Vigo acolleu nas últimas semanas protestos pola falta de recursos. O propio xulgado e mais a Rede veciñal contra os malos de Vigo tratos insisten en denunciar a falta de vontade política fronte ao terrorismo machista. O número 171 de Sermos Galiza recolle nunha ampla reportaxe as declaracións da xuíza Paz Filgueira, responsábel do Xulgado de violencia sobre a muller de Vigo, quen apunta que recibiu 6.000 mulleres en só catro anos.

Precisamente, a Xunta de Galiza anunciou que Vigo contará desde xaneiro cun terceiro xulgado de Familia para “desconxestionar”. Porén, a Consellaría de Alfonso Rueda renunciou a reforzar o xulgado de violencia de xénero, unha das grandes demandas do persoal que traballa nos edificios xudiciais da rúa Lalín.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/galiza-cabeza-territorios-mais-feminicidios/20151226174621043659.html


© 2019 Sermos Galiza