Imprimir

Galiza lidera a mortalidade por sinistralidade laboral no Estado

Redacción | 22 de abril de 2019

Roi Fernández e Silvia Parga na presentación do estudio.
Roi Fernández e Silvia Parga na presentación do estudio.

Duplica a media estatal no índice de incidencia dos accidentes mortais: é de 6,05 por 3,24 de media no Estado.

Galiza está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6.05. O dado, correspondente a un estudo de Comisións Obreiras- Galiza, non deixa marxe para a dúbida: “O noso país é que ten o maior índice de accidentes mortais”.

 

En 2018 perderon a vida en accidentes laborais 56 persoas en Galiza, un aumento a respecto das falecidas en 2017: 43 traballadores e traballadoras.  A precariedade laboral está ligadas a esta realidade. Un dato deste estudio de Comisións Obreiras: en 42% dos sinistros laborais sufríronas persoas traballadoras con contrato temporal -a poboación asalariada temporal representaba 26,6 % do total- . Así, Roi Fernández, responsábel de Saúde Laboral de CCOO, apuntou como as reformas laborais, coa súa precarización do mercado de traballo, tamén teñen responsabilidade na sinistralidade laboral.  

 

Para alén da alta precariedade do mercado de traballo en Galiza, Fernández puxo sobre a mesa outros dous factores para esta alta sinistralidade: a falta de traballo en prevención, o elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— aínda teñen na economía galega, e onde se rexistran a maior parte deses sinistros.

 

A economista Silvia Parga, autora do estudo, informou de que os datos públicos revelan que no ano 2018 se rexistraron en Galicia 30.972 accidentes de traballo con baixa (aumento do 2,39 %), dos cales o 90,21 % ocorreron en xornada laboral.

 

No que vai de década (2010-2018) morreron na Galiza en accidentes laborais perto de 500 traballadores e máis de 4.000 sufriron feridas de carácter grave. Nese período, o exercicio con máis vítimas mortais fora o 2010 (64 persoas falecidas).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/galiza-lidera-mortalidade-sinistralidade-laboral-estado/20190422135104078436.html


© 2019 Sermos Galiza