Imprimir

Galiza no mapa da raíña Sancha e do rei Fernando

Cilia Torna | 27 de xullo de 2019

Época: 1047. Autoría: Facundo. É a expresión do proxecto político da raíña Sancha e do rei Fernando.
Época: 1047. Autoría: Facundo. É a expresión do proxecto político da raíña Sancha e do rei Fernando.

Estamos diante dunha cartografía que é fiel reflexo do proxecto político do rei Fernando e da raíña Sancha, onde Galiza ocupa un papel reitor e hexemónico no ámbito do espazo cristián peninsular. Elaborado por volta de 1047 e coñecido como o mapa da raíña Sancha e do rei Fernando, fai parte da escola dos beatos e foi elaborado con toda probabilidade nalgún mosteiro da área galega.

Recollido nunha edición dos Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana á volta de 1047, é coñecido como o mapa da raíña Sancha e do rei Fernando, en referencia aos monarcas que promoveron a cartografía como expresión do seu proxecto político.

Conservado actualmente na Biblioteca Nacional de Madrid, é outra mostra da ampla produción bibliográfica dos rei galegos, impulsores, tamén en 1047, doutro mapa incorporado a unha copia das Etimoloxías de San Isidoro, cuxo orixinal se gardou durante séculos na catedral de Zaragoza e actualmente se conserva na Biblioteca do Mosteiro do Escorial, orientado á educación dos seus fillos e elaborado por un copista da área galega, como demostran as referencias eloxiosas ao rei Vermudo III, morto en combate contra as forzas navarro-castelás.

O labor de mecenas cultural de Sancha ficou tamén testado no Libro das Horas de 1055, conservado na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, e no Libro dos Cánticos de 1059, atribuído durante moito tempo erroneamente á súa filla, a raíña Urraca, e que fai parte dos fondos da Biblioteca da Universidade de Salamanca.

O mapa foi elaborado nalgún mosteiro leonés por un monxe denominado Facundo. Moi influído por algúns dos beatos anteriores, garda moitas semellanzas con outras cartografías da área galega, como o Beato de Magio, de Valcavado ou da Seu d’Urgell, seguindo o seu esquema estereotipado de simbolismo e o seu debuxo firme. Porén, diferénciase destes na súa gama de cores expresivas e no seu excelente estado de conservación. Integrante do terceiro estilo dos beatos, o románico, dubídase se foi realizado no mosteiro de San Xoán, posteriormente de San Isidoro, ou no de Sahagún, de onde pasaría á Basílica de León antes de rematar na Biblioteca Nacional de Madrid.

A ausencia de calquera referencia a Castela ou León cuestiona o relato oficial dirixido a negar a existencia do reino galego

A cartografía de Sancha e Fernando é a expresión do seu proxecto político, no que Galiza exercía un papel reitor no contexto do espazo cristián ibérico. O matrimonio entre Sancha e Fernando é o resultado dunha operación política dirixida a conseguir a paz entre os reinos de Navarra e de Galiza, coa que Fernando asume a hexemonía galega e actúa como rei consorte nesta área e Sancha opera como monarca, na súa condición de herdeira lexítima, como filla dos reis galegos Afonso e Elvira Menéndez e irmá do tamén rei Vermudo III, morto na batalla de Tamarón contra un exército navarro. Sancha I de Galiza, nada no 1013 e morta en 1067, caracterizouse pola súa gran cultura, apostando de xeito decidido na actividade artística, sen esquecer a súa acción gobernativa, sinalándose na promoción das relacións e contactos con Cluny. A súa xinea, fortemente influída pola nai, exerceu como galega, destacando, ademais dela, os seu fillos, os reis García I e Afonso VI.

[Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/galiza-mapa-da-raina-sancha-do-rei-fernando/20190718165146082069.html


© 2019 Sermos Galiza