Imprimir

Galiza, produtora de electricidade, vai pagar a suba da luz máis cara do Estado

Redacción | 13 de Marzo de 2019

Novo incremento na electricidade. Un aumento que prexudica Galiza, malia ser un territorio produtor. Trátase dunha suba de 16 euros por cliente que contrasta cos menos de 50 céntimos de incremento que van pagar en territorios como Madrid, Andalucía, Catalunya ou Valencia.

O BOE publicou a Orde TEC/271/2019 que estabelece os suplementos territoriais en diferentes territorios en relación ás peaxes de acceso de enerxía eléctrica do exercicio 2013, e establece o procedemento de liquidación dos suplementos territoriais. Unha orde pola cal Galiza, potencia produtora de enerxía, vai ter que pagar a suba da luz máis cara de todo o Estado español: a luz vai subir na Galiza unha media de 16 euros por cliente para compensar as eléctricas polos impostos autonómicos que pagaron. A factura desta compensación para Madrid -que non produce nin un só megavatio- é de 30 céntimos por habitante. Territorios como Canarias ou Euskadi libran deste recargo. Catalunya e Andalucía fican por baixo dos 50 céntimos por persoa consumidora.

 

As clientas e clientes galegos deben de facer este pagamento para compensar as eléctricas por varios canons autonómicos, como o eólico e o dos encoros. Unha sentenza do Tribunal Supremo de hai cinco anos daba a razón ás eléctricas, que pedían que lle devolvesen o diñeiro pagado por eses impostos.  O Tribunal avalou nunha sentenza de xuño de 2014 o dereito das eléctricas a recuperar o pagado en impostos autonómicos. O alto tribunal considera que os impostos autonómicos son un “sobrecusto” que deben asumir as consumidoras e consumidores de cada autonomía para non danar “a unidade do mercado” español. Que Galiza exporte enerxía e soporte os custos desa actividade para acabar pagando o mesmo por ela que en Madrid -que non produce nin ten retornos negativos da actividade- non altera, ao que se ve, a unidade do mercado. Todo o contrario.

 

O BNG xa denunciou no Parlamento o que cualifica de “atraco a man armada”. A deputada Noa Presas considera que a orde publicada no BOE confirma “a mentira” de que o Estado ten unha tarifa eléctrica única “porque os galegos e as galegas imos pagar, grazas ao PP, a factura máis alta de todo o Estado. “Pedimos á Xunta que faga valer o acordo impulsado polo BNG o 22 de novembro de 2018 e manter unha posición de país para esixir ao Estado que asuma a contía destes suplementos territoriais vía orzamentos”,  demandou a nacionalista.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/galiza-produtora-electricidade-vai-pagar-suba-da-luz-mais-cara-do-estado/20190313165847077027.html


© 2019 Sermos Galiza