Imprimir

Galiza é o territorio onde máis aumentou a partida para concertos coa sanidade privada

X.M.P. | 01 de abril de 2019

Núñez Feixoo e o conselleiro de Sanuidade visitan un hospital.
Núñez Feixoo e o conselleiro de Sanuidade visitan un hospital.

Incrementou en 0,4%, unha porcentaxe só igualada polas Baleares. Nas outras autonomías o aumento foi menor ou mesmo houbo unha redución neste tipo de partidas. 62% dos hospitais que hai en Galiza son privados, a cuarta maior porcentaxe de todo o Estado.

A evolución das partidas destinadas a concertos coa sanidade pública nestes anos sitúa Galiza como o territorio onde este concepto rexistrou un maior aumento porcentual. Segundo recolle o informe ‘Sanidade privada, achegando valor 2019’ , elaborado polo Instituto para o desenvolvemento e integración da sanidade, o maior incremento en porcentaxe nese capítulo no conxunto do Estado español deuse en Galiza e Balears, con 0,4% de aumento. No caso do noso país son case 230 millóns de euros os que se orzamentan  nesa partida.

 

62% dos hospitais que hai en Galiza son privados, a cuarta maior porcentaxe de todo o Estado

 

No resto dos territorios  ese concepto rexistra unha suba menor que na Galiza ou, como Aragón, por exemplo; esa partida descende a respecto de anos anteriores.  No mencionado informe tamén se recolle como entre 2007 e 2016 a taxa de medre anual do gasto destinado a concertos en Galiza foi de 1,1%.

 

Os dados do estudo permiten ter unha radiografía da sanidade privada no noso país: así 23 dos 37 hospitais que hai no noso país son privados, o que supón 62% do total. É a cuarta maior porcentaxe de todo o Estado en maior peso da privada. A isto engádese que 24% das camas hospitalarias son da sanidade privada (2.357 de 9,800) ou que 28% das intervencións cirúrxicas fanse na privada. Isto é, unha de cada catro. O importante peso que ten a privada na sanidade reflíctese tamén en que nela aténdense case 22% das urxencias e danse máis de 20% das altas.

 

39% dos equipos de alta tecnoloxía están en hospitais privados

 

Tecnoloxía

 

En Galiza 39% dos equipos de alta tecnoloxía están en hospitais privados. Unha situación que é especialmente notoria no que atinxe a equipos de resonancia magnética (59%). Ou nos de litotricia por ondas de choque – que se empregan para tratar cálculos no ril, vexiga -e onde 50% están na sanidade privada. A mesma porcentaxe que nos equipamentos de tomografía por emisión de positróns, empregado en medicina nuclear.

 

O clamor de profesionais e usuarios contra o deterioro e precarización da sanidade pública galega após estes anos de recortes está abalado non só pola propia realidade e experiencia diaria de ambos os dous colectivos senón tamén por estudios e informes que certifican esa perda de calidade asistencial.  Un documento que periodicamente elabora a  Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp) afonda nesa realidade. Un informe no que radiografía e toma o pulso aos servizos sanitarios dos diferentes territorios no Estado español en base a datos concretos, como o gasto sanitario per cápita, número de camas por habitante ou duración de listas de agarda.

 

Galiza baixa no último informe, correspondente ao 2018, tres postos no taboleiro que fai a Fadsp en base á combinación de todos estes criterios. A sanidade galega estaba de oitava en 2017 e agora está de décimo primeira. No informe de 2013 era o sexto territorio en calidade de servizos sanitarios. Abandona o grupo de “servizos sanitarios regulares” para pasar a facer parte dos “servizos sanitarios deficientes”. As comunidades con mellor puntuación, e que lideran o grupo das que teñen mellores servizos sanitarios, son Euskadi e Nafarroa, con 94 e 83 puntos respectivamente. Galiza ten 71 puntos (5 menos que o ano pasado), a 23 do territorio mellor valorado.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/galiza-territorio-onde-mais-aumentou-partida-concertos-coa-sanidade-privada/20190328165803077537.html


© 2019 Sermos Galiza