Imprimir

“Galiza xógase moito máis que de costume, porque se está a producir un feche de ciclo”

A.M. | 25 de abril de 2019

David Rodríguez
David Rodríguez

O autor de O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega, David Rodríguez, considera necesario que Galiza e as súas clases populares estean presentes e con voz no Congreso e alerta de que o país pode saír malparado ante o actual proceso de españolización. O autor do blog O funambulista coxo resalta a importancia de facer política alén das campañas, sobre todo a pé de rúa. Sermos Galiza conversa co escritor vigués sobre como ve a Galiza ante o 28A.

David Rodríguez valora as citas electorais como unha parte máis da política e considera necesario que Galiza e as súas clases populares estean representadas no Congreso “na medida en que aí se van decidir cousas que as afectan”. Mais en relación cos comicios do 28A, Rodríguez sinala que “as galegas e os galegos xóganse moito máis que de costume, porque se está a producir un peche de ciclo”, que en valoración do escritor vigués, suporá un cambio no mapa político estatal que o vai facer diferente a como o coñeciamos até o de agora.

 

Nese sentido, salienta que “estamos nun proceso de revisión dos acordos que se tomaran no pasado” e sinala o perigo de que Galiza quede “descolgada” e saia malparada perante o aumento da recentralización e españolización.

 

Rodríguez sinala que estamos nun proceso de revisión dos acordos que se tomaron no pasado e alerta de que Galiza quede descolgada

 

Rodríguez valora após a súa participación “nos últimos experimentos de abrir socialmente o campo do soberanismo” que se deron experiencias positivas nos inicios deste proceso. Afirma que daquela se tentaba enlazar o movemento soberanista co cambio social que se estaba a producir na Galiza e que o 15M, ao seu ver, evidenciaba. Mais engade, “non se deron os froitos agardados” e sinala que mesmo todo isto contribuíu a ir cara a atrás. “Eu pechei esa etapa”, sentenza.

 

“Imos cara a un tipo de política que busca aburrir e desmobilizar o votante”, denuncia Rodríguez

 

Preguntado sobre o evoluír da campaña electoral, o escritor critica que cada vez máis hai unha imposición do modelo americano de espectáculo de elites. “Imos cara a un tipo de política que busca aburrir e desmobilizar o votante”, denuncia. Asegura que a campaña das xerais non lle está a interesar, aínda que segue con esperanza os "partidos das periferias".

 

Resalta, a modo de conclusión, que a política ten que facerse non só con esas ferramentas electorais, senón sobre todo a pé de rúa e con prazos máis lentos que os que van dunha campaña a outra.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/galiza-xogase-moito-mais-costume-porque-producir-peche-ciclo/20190424105045078515.html


© 2019 Sermos Galiza