Imprimir

Gañar o futuro

Gonzalo Caballero | Secretario xeral do PSdeG.

Sermos Galiza | 08 de novembro de 2019

«Eran os mellores tempos, eran os peores tempos», deixou escrito Dickens, e 160 anos despois válenos para ilustrar o dilema que temos por diante o vindeiro domingo: se queremos avanzar ou se queremos retroceder. Porque non está en xogo só quen rexerá o país nos vindeiros catro anos, senón a sociedade que queremos construír.

Temos nas nosas mans decidir se optamos por un proxecto de avances en dereitos e liberdades, de xustiza social e dunha economía ao servizo da xente ou se retornamos á longa noite de pedra que formula esa unión das dúas dereitas cunha ultradereita machista, racista, xenófoba e populista á que o PP e Ciudadanos xa lle abriron as portas das institucións.

Agora corremos o risco de que esa extrema dereita que tamén quere destruír o noso modelo de convivencia sente no Consello de Ministros. Como sociedade, non nos podemos permitir a auxe de Vox que prognostican as enquisas e que nos arrepía como demócratas.

Tócanos, por tanto, decidir se queremos profundar na senda do avance en novas liberdades e dereitos ou se queremos tirar todo o feito pola borda: a loita contra a violencia machista, a conquista da igualdade entre homes e mulleres, a inclusión dos que teñen máis dificultades ou características especiais, a posibilidade de amar a quen queira cada un, a aposta pola consecución dunha morte digna, a defensa da memoria histórica...

Sabemos obxectivamente que se ás dereitas e á extrema dereita lles dan os votos, sumarán para facerse co control do goberno. Vímolo en Andalucía, vímolo en Murcia e vímolo en Madrid, dende onde agora propugnan tamén a ilegalización de partidos políticos.

Por iso, os e as socialistas convocamos a toda a sociedade a participar nestas eleccións xerais, e a facelo tendo en conta que o PSOE é o único partido coa fortaleza suficiente para vencer a unha dereita controlada dende dentro por José María Aznar e dende fóra por Santiago Abascal. Non podemos estar cansos ou cansas de votar cando é tanto o que está en xogo.

Necesitamos que o voto de toda a cidadanía progresista, dos e das que senten a esquerda e dos e das que queren defender a Galicia, se aglutine en torno ao PSdeG-PSOE. E pedimos tamén a confianza de todos e todas os que queren un goberno forte e estable e que rexeitan a perda de moderación das dereitas.

Volvendo á Historia de dúas cidades, se na primavera apostamos pola esperanza non nos adentremos agora no inverno da desesperación. O 10 de novembro, gañemos o futuro.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/gonzalo-caballero/ganar-o-futuro/20191107205703086519.html


© 2019 Sermos Galiza