Imprimir

Gayoso, Medalla Castelao 2017

Redacción | 08 de xuño de 2017

Imaxe: TVG
Imaxe: TVG

O Consello da Xunta aprobou a concesión destes recoñecementos, que se entregarán o vindeiro 28 de xuño.

Xosé Ramón Gayoso, Medalla Castelao 2017. O presentador de Luar, o programa que TVG leva emitindo 25 anos, engade un galardón máis na súa traxectoria. Non é o único que este 28 de xuño vai recibir esta distinción, mais o seu nome é o que centra boa parte das miradas. Canda el, o Consello da Xunta decidiu que concedía a Medalla Castelao a Xusto Beramendi, Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo e o Grupo Nove.

 

Feijóo destacou que Gayoso é  "historia viva da TVG"; ao tempo que se refería a Beramendi como "un dos máis destacados historiadores de Galiza". O presidente galego tamén destacou a carreira musical de Cristina Pato, ben como o papel do Oceanográfico de Vigo e a proxección da nova cociña galega que fai o Grupo Nove.

 

Xusto Beramendi

Consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. Actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco.  

 

Cristina Pato

Esta ourensá foi a primeira muller gaiteira en publicar, con tan só 18 anos, un álbum en solitario, Tolemia. Posteriormente publicou outros 6 discos como gaiteira solista e dous máis como pianista. En 2017 fixo historia ao recibir un Grammy xunto coa banda Silk Road Ensemble coa que actualmente colabora en Nova York.  

 

Centro Oceanográfico de Vigo

Este centro centenario leva a cabo un importante traballo de formación de investigadores e técnicos sobre o medio mariño. Desenvolve a súa actividade investigadora no ámbito dos recursos mariños, dos problemas relacionados coa oceanografía e a contaminación do medio mariño. Na actualidade o Centro Oceanográfico de Vigo é o máis grande dos nove centros do Instituto Español de Oceanografía cun equipo de 119 persoas e forma parte do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar.

 

Grupo Nove

Este colectivo de cociñeiros leva desde 2003 reivindicando a modernidade e a vixencia da nova cociña galega, sen renunciar ás orixes da vangarda gastronómica e combinando o mellor da tradición e a innovación. O grupo, inicialmente composto por nove cociñeiros, foi medrando ata acadar os 24 membros e 18 restaurantes que actualmente o compoñen. Todos eles suman oito estrelas Michelin e 18 soles Repsol e, co seu labor, engaden valor á marca Galicia situando o noso país no mapa.

 

Xosé Ramón Gayoso

Forma parte da historia viva da Televisión de Galicia, cadea na que comezou a traballar desde o mesmo día da súa inauguración, en 1985, a carón da falecida Mercedes Bouzón. Desde entón, presentou programas como Entre nós, Boa noite, Lúa nova, O veciño do xoves, Corazonada, Adiviña quen vén esta noite, e Pensando en ti. Pero terminou por consagrarse como un dos rostros máis recoñecidos da nosa televisión da man do programa Luar. Antes de iniciar a súa traxectoria televisiva, foi lanzador de martelo, avogado e compoñente do dúo musical Keltia, co que lanzou o LP Choca esos cinco.  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/gayoso-medalla-castelao-2017/20170608132230058360.html


© 2019 Sermos Galiza