Imprimir

A gran noite do libro galego

Redacción | 11 de maio de 2019

Foto: VisualQ
Foto: VisualQ

A IV Gala do Libro Galego premiou, recoñeceu e tomou o pulso a ese universo amplo e diverso que xira en torno ao libro en galego. Foi en Compostela, no Teatro Principal, onde non faltaron os discursos e apelacións a favor da liberdade de expresión, de defensa da lingua e cultura propias do país ou da necesidade de medios en galego.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela volveu acoller este sábado unha nova edición dos Premios Gala do Libro Galego, a cuarta, un acto na que se deron a coñecer as obras gañadoras desta iniciativa convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG). Estes premios son un recoñecemento, salientan as organizadoras, á diversidade e excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 no noso país. Entre os finalistas este ano estaban Galiza 1968. A consciencia avivada, o volume colectivo publicado por Sermos Galiza, e o xornalista Daniel Salgado.

 

Quince premios e tres galardóns honoríficos que se foron dando a coñecer aos poucos nunha gala conducida pola actriz Iria Pinheiro e na que a música correu a conta de Habelas Hainas. Unha cita na que non faltaron nos discursos dos premiados chamadas a un maior apoio ao sistema cultural galego (“Balóns de osíxeno para os creadores e creadoras”, como demandou Yolanda Castaño) ou á liberdade de expresión e contra a censura (“este país merece outros medios públicos”), manifestou Valeria Reza, da Revista Luzes ao recoller o premio á traxectoria en xornalismo cultural.

 

“Vainos a vida en ter medios de comunicación galegos e en galego”

 

No discurso de clausura da gala, e en representación das tres entidades organizadoras, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, sinalou as “tensións adversas nas que se move a nosa literatura, a nosa fraxilizada industria editorial, as nosas librarías, especialmente vulnerábeis na Galiza, polo que é preciso facer viábel unha industria cultural galega en galego, cos necesarios apoios reais, como economía produtiva que é, sustento da identidade deste país”.

cesareo sanchez aelg

 

Nesa liña, sinaloun que “é necesario vertebrar a promoción e comercialización da cultura e a lingua galegas na Galiza. Ás veces prodúcenos amarga indignación comprobar a imaxe da nosa representación cultural fóra do noso país. É moito o camiño por andar até que a visibilidade no mundo sexa a que merece a nosa literatura, a nosa cultura”.

 

Por iso, engadiu, “vainos a vida en ter medios de comunicación galegos e en galego” e “é urxente e necesario crear o Instituto Rosalia de Castro, para estas funcións.

 

Listaxe obras premiadas:

Ensaio e investigaciónComún temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia). O xurado estima que se trata dunha obra escrita cunha prosa áxil e ben documentada, con equilibrio entre o rigor investigador e a capacidade divulgativa, situando os irmáns Villar Ponte no contexto histórico de finais do século XIX e o século XX, destacando o seu compromiso político co galeguismo.

 

DivulgaciónCastelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora). O xurado considera que este libro fai un estudo biográfico pormenorizado de Castelao, facendo un percorrido reflexivo sobre o humor en xeral, e o galego en particular, e unha comparativa entre a obra de Castelao e as correntes artísticas europeas do momento.

D6TYm5LXoAATk4h

Narrativa:  Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia). O xurado estima que esta obra ten unha escrita intensa e contundente, abordando unha distopía apocalíptica.

 

Infantil Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora). O xurado valora a transmisión de valores como a oralidade, a natureza, a memoria familiar e o mundo rural.

 

Xuvenil O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora). O xurado considera interesante como esta obra, ambientada nunha colonia escolar de inicios do S. XX, bebe na tradición dos bestiarios galegos, creando novas figuras do seu maxín situados en lugares de forte raigame máxica.

 

Libro ilustrado Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora). O xurado estima que este é un libro a contracorrente, onde a ilustración se converte en relato, e que, a través dunha técnica aparentemente sinxela, consegue transmitir a vida do personaxe.

 

Libro de banda deseñada O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia). O xurado destaca a innovación desta iniciativa que enriquece o sistema literario galego cunha aposta experimental onde se combina o texto poético con interpretacións en banda deseñada de moi diferentes estilos.

 

Iniciativa bibliográfica Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora. O xurado valora moi positivamente esta iniciativa que acolle unha importante escolma de recursos pedagóxicos dos principais autores neste campo traducidos á lingua galega, moi necesaria na actualidade.

D6TfDHGW4AE2dZe

Tradución A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné). O xurado dá a benvida á tradución ao galego dun clásico que precisa ser incorporado ao noso sistema literario, realizado por unha especialista que soubo trasladalo con calidade.

 

Poesía Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia). O xurado destaca a madurez expresiva do autor, o enorme ritmo poético da obra, unha certa ironía na expresión que enriquece o texto e un gran dominio do verso.

 

Teatro Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora). O xurado estima que se trata dunha obra que, partindo dun referente real, aproveita para contar con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea.

 

Libro mellor editado Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora). O xurado valora a edición facsimilar desta obra, que reproduce fielmente a edición orixinal de 1935 da Editorial Nós, respectando o deseño, formato e papel orixinais.

 

Premios ás traxectorias:

Iniciativa cultural ou fomento da lectura Asesoría de Bibliotecas Escolares. O xurado recoñece o papel fundamental na organización das bibliotecas, promoción do libro e fomento da lectura en lingua galega, nun momento crítico no que estamos a rexistrar un alarmante descenso do número de galegofalantes. Valora tamén moi positivamente o papel do profesorado que forma os equipos de bibliotecas do centro e coordina os clubes de lectura.

 

Proxecto literario na rede Brétemas, de Manuel Bragado. O xurado destaca este proxecto persoal do autor desde xaneiro de 2005, vencellado ao traballo de edición e ao servizo do tecido cultural galego.

 

Xornalismo cultural Revista Luzes. O xurado valora a valentía de manter unha voz disidente en papel e online, desde a que se fai xornalismo cultural e implicado co país, con plena liberdade.

 

Premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes:

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019. Figura central da literatura de expresión portuguesa.

 

A Asociación Galega de Editoras premiou a María Xosé Queizán. Cultivou todos os xéneros literarios, desde o teatro, pasando polo ensaio, a narrativa, a poesía e mesmo escribiu guións cinematográficos. Catedrática de Lingua e Literatura Galega, é unha importante figura do movemento feminista.

 

A Federación de Librarías de Galicia premiou a Antonio Fernández Maira.  A principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galiza da man do entón presidente José Manuel Alonso Martinez. Os cambios empézanse a notar debido á demanda dun sector permanentemente en crise pero tamén en plena efervescencia. O seu traballo é definitivo para afrontar novos retos neste colectivo, entre os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro. Foi promotor da creación dos Premios “Irmandade do Libro”, que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/gran-noite-do-libro-galego/20190511213751079478.html


© 2019 Sermos Galiza