Imprimir

“Grazas á discriminación das mulleres o BBVA obtivo 213 millóns de euros de beneficios en 2018”

Redacción | 11 de Xuño de 2019

CIG-Banca mobilizouse contra o ERE do Santander e os abusos laborais no BBVA, entre os que sitúa que “as traballadoras cobran un 30% menos que os seus compañeiros”.

Xornada de mobilización de delegados e delegadas da CIG- en rexeitamento ao ERE de extinción presentado polo Banco Santander -que suporá o peche de 135 oficinas e a destrución de 271 postos de traballo na Galiza- e en protesta contra os “continuos abusos e os incumprimentos laborais” no BBVA.

Na protesta diante da Dirección Territorial Noroeste do BBVA  denunciaron que a entidade impón obxectivos comerciais crecentes, mesmo de produtos complexos como fondos de inversións ou depósitos estruturados, sobre os que a MIFID prohibe establecer obxectivos. Esta carga de traballo, denuncia Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG, "resulta imposíbel de acadar dentro da xornada laboral e ademais, o banco aplica asfixiantes medidas de presión e seguimentos sobre os  traballadores e as traballadoras, con constantes amezas e mesmo chegando a despedir a quen non os cumpre".

Denuncia tamén unha “extensión ilegal xeneralizada da xornada laboral”, mais o BBVA "nin paga nin cotiza á Seguridade Social as horas extraordinarias". Tal e como acontece no resto do sector, alerta Fernández, o BBVA aínda no puxo en marcha un sistema de rexistro de xornada".

Outra das prácticas denunciadas por este sindicato é a “discriminación salarial que sofren as traballadoras no BBVA”, pois facendo o mesmo traballo e tendo as mesmas formacións e funcións, "cobran 30% menos que os seus compañeiros”. O representante sindical explicou que esta fenda foi detectada tras analizar os últimos datos salariais do BBVA. "Sabíamos que existía discriminación salarial pero non que fora tan brutal. Grazas á esta discriminación das mulleres, o BBVA obtivo 213 millóns de euros de beneficios en 2018, que foron parar ao peto dos directivos e dos accionistas".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/grazas-discriminacion-das-mulleres-bbva-obtivo-213-millons-euros-beneficios-2018/20190611111752080658.html


© 2019 Sermos Galiza