Imprimir

Greenpeace advirte do impacto do roubo da auga: 379 extraccións ilegais na Galiza

Redacción | 11 de Marzo de 2019

Greenpeace denuncia o impacto do roubo da auga cun total de 379 extraccións ilegais na Galiza. Sitúaas na Confederación Hidrogáfica Miño-Sil, e 114 corresponden a pozos ilegais. 

“O roubo da auga non ten prezo”. Afírmao Greenpeace, que vén de presentar os resultados dunha investigación que desenvolveu entre 2013 e 2017 no Estado español sobre a extracción ilegal dun ben público e un recurso cada vez máis escaso. “O desgoberno na xestión dos recursos hídricos foi unha constante histórica”, indican no informe, no que tamén se estuda o que acontece na Galiza.


Así, na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tamén hai extraccións ilegais de auga e pozos ilegais. Entre 2013 e 2017 rexistráronse 379 denuncias por extracción ilegal deste recurso, das que 114 corresponden a pozos ilegais. Destes, tan só se fecharon 2 pozos en 5 anos.


O Seprona sinala que se tramitaron nese mesmo período 76 denuncias relativas a extraccións ilegais de auga e 71 por pozos ilegais na Galiza. “É especialmente significativo que durante os dous períodos declarados de seca nesta bacía, non se intensificasen o control das extraccións desde pozos ilegais”. Greenpeace calcula que o dano ao patrimonio natural no Miño por estas accións pode chegar a 65.600 euros. No conxunto do Estado español. Entre 2013 e 2017 producíronse máis de 7.500 denuncias por estas extraccións ilegais e calcula que o dano no patrimonio supera os 77 millóns de euros.


A extracción ilegal de auga é un delito tipificado no Código Penal con multas e incluso, en certos extremos, penas de prisión. “Mais a falla de información e de medios das fiscalías para perseguilo contribúe á impunidade”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/greenpeace-advirte-do-impacto-do-roubo-da-auga-379-extraccions-ilegais-galiza/20190311131256076954.html


© 2019 Sermos Galiza