Imprimir

'La Toja' volta a afear A Toxa coa complicidade de Feixoo

Susana Rois | 04 de outubro de 2019

O presidente Feixoo na inauguración do Foro La Toja
O presidente Feixoo na inauguración do Foro La Toja

O I Foro Atlántico "La Toja", impulsado polo presidente do Grupo Hotusa, o chantadino Amancio López Seijas, leva ao seu nome oficial a forma deturpada do topónimo oficial A Toxa.

Un novo espazo de reflexión e debate que foxe da toponimia oficial para darlles acubillo a empresarios, políticos, e intelectuais nun contorno exclusivo. A Toxa ten nome de seu, pero non é o que figura nos carteis.

Desde o Concello do Grove recoñecen que ao tratarse dunha iniciativa privada non puideron intervir a tempo para que mudasen o nome do evento. “Nós sempre animamos a todo o mundo a que respecte a forma galega, que é o topónimo oficial. De feito, existe unha ordenanza municipal que recomenda o uso do galego en todos os ámbitos”, explica, en declaracións a Sermos Galiza, a concelleira de Cultura, Noemí Outeda. De cara ao futuro, asegura que se porán en contacto cos organizadores para que usen A Toxa.

A toponimia oficial, en galego

O topónimo galego “é a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente”, lembran a este medio desde a Real Academia Galega, que “como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma e lamenta que se empregue deturpada”.

A secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, asegura que serían de agradecer manifestacións explícitas no marco do propio foro facendo ver o mal uso de "La Toja". “A prol da diversidade lingüística cultural sería importante que alí se desatacase que ese lugar ten un topónimo oficial e autóctono, que é A Toxa”. E engade que “o uso da toponimia oficial está fixado por lei e os ámbitos nos que hai que empregala e demostrar un respecto máximo tamén están estabelecidos”.

Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, derivou Sermos Galiza ao Gabinete de Comunicación da Consellaría de Cultura, mais, até o momento, non deu resposta.

Prefiren que algunhas leis non se cumpran?, pregunta A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística referiuse á polémica en Twitter, onde se referiu á responsabilidade dos cargos públicos que participaron no foro.

 

O I Foro Atlántico 'La Toja' inaugurouse na Toxa esta quinta feira baixo o Un espazo para a reflexión e a defensa da democracia liberal. Unha iniciativa do presidente do Grupo Hotusa, Amancio López Seixas que conta con Abanca, Inditex, Deloitte, Renfe e Telefónica como principais patrocinadores. Participan del desde o rei de España, Filipe VI, até o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ou os ex presidentes de Gobernos españois Felipe González e Mariano Raxoi.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/grove-pediralle-organizacion-do-foro-toja-respecte-toponimo-oficial-vindeiras-edicions/20191004143133084791.html


© 2019 Sermos Galiza