Imprimir

Un grupo de venezolanos contrarios a Maduro boicotea un acto do cónsul de Venezuela na USC

Redacción | 14 de Marzo de 2019

Un momento das protestas
Un momento das protestas

A pasada cuarta feira 14 de marzo, o salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC acollía unha charla de Martín Pacheco, cónsul venezolano en Vigo, organizada polo sindicato estudantil nacionalista Erguer. O acto tivo que ser suspendido antes de tempo após as intervencións de venezolanos disidintes debido ao clima de alta tensión. O cónsul tivo que ser escoltado

A organización estudantil galega Erguer programou para a pasada cuarta feira 14 de marzo unha charla aberta ao público co cónsul de Venezuela en Vigo, Martín Pacheco. O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias Políticas da USC, enmarcado nun carácter académico e antiimperialista. Con todo, a presenza de persoas simpatizantes da oposición venezolana e contrarias por tanto a Pacheco provocou que a xornada rematase con berros e ameazas. Tivo que acudir a seguridade de campus e o cónsul tivo que ser escoltado até a estación de tren por motivos de seguridade. 

Ameazas erguer consul venezuela

Desde Erguer, contan a Sermos Galiza que "nós traemos ao cónsul de Venezuela porque observamos que dentro dos medios de comunicación hai unha versión e queriamos dar a que normalmente non se escoita". Aluden á importancia do debate nas universidades públicas como parte fundamental da formación do estudantado e recalcan que se trataba "dun acto académico" no que as posturas discordantes con Maduro ou o cónsul eran "totalmente aceptadas", mais que "debido á agresividade das asistentes da extrema dereita venezolana non puidemos levar a cabo o noso cometido"

Ameazas erguer consul venezuela

 

O sindicato posiciónase "co pobo soberano de Venezuela, que xa votou o presidente, que é Nicolás Maduro". Malia todo, insisten en que a súa intención era xerar un debate san, o cal foi imposíbel desde o primeiro momento. "Ás dúas horas de publicar o cartaz, contamos xa 12 persoas que nos ameazan nos comentarios da publicación", din, "tivemos que desabilitar os comentarios, tras o que empezaron a chegar ameazas por mensaxe directa e noutras publicacións". Aínda así, non pensaron en cancelala en ningún momento, "porque era o que buscaban". Explican que pola protección do cónsul si que foi organizada unha comitiva de seguridade. 

A charla comezou con normalidade, mais as bandeiras venezolanas, cartaces e mesmo camisetas de apoio a Leopoldo López eran visíbeis entre algún dos asistentes, que non deixaban de tomar notas. Cara o final da intervención do cónsul un home ergueuse con actitude agresiva e desatou unha ondanada de berros na sala. Integrantes de Erguer conseguiron disipar a tensión neste momento, mais na quenda de preguntas os insultos entre bandos non cesaban e a organización foi totalmente incapaz de facer que se respectasen as quendas de palabra, polo que tiveron que dar por rematado o acto sen que realmente se chegase a producir ningún diálogo. 
Ameazas erguer consul venezuela

O nerviosismo e o clima de tensión eran tais que foi preciso chamar a seguridade do campus, xa que moita xente se negaba a dar por rematado o acto e quen marchaba o facía dando voces e arrincando os cartaces da charla. O cónsul tivo que ser escoltado até a estación de tren. "Houbo dúas persoas que nos seguiron, gravando e facendo preguntas. Até se puxeron algo agresivos. Tivemos que pedirlles que pararan para disuadilos. Chegamos a temer que lle fixeran algo ao cónsul", aseguran desde a formación. 

 

O sindicato nacionalista afirma que se trataba dun escrache organizado en base as ameazas que viron por redes e á preparación dos asistentes. "Viñeron en grupos e as persoas que interviron levaban até un mitin escrito do que querían dicir. Claramente estaban organizados", manifestan desde Erguer. 

 

 

Nota: As imaxes de redes foron cedidas por Erguer

 

 

 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/grupo-disidentes-venezolanos/20190314120042077064.html


© 2019 Sermos Galiza