Imprimir

Hai ou non hai coalas na Galiza?

F. CAROU | 02 de abril de 2016

Unha campaña contra o monocultivo de eucalipto na Galiza tornouse en viral ao informar da existencia de cando menos un coala na comarca de Ordes. A repercusión foi tal que medios de comunicación se fixeron eco da presenza destes marsupial no país aínda que se tratase dunha brincadeira con motivo do 1 de abril.

Na mañá da pasada sexta feira, coincidindo co 1 de abril –día popular das brincadeiras e enganos-, as redes sociais fervían coa información que daba conta da presenza de coalas no país. As fontes: medios de comunicación como Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Diario, La Vanguardia ou a SER, entre outros, após recibiren o teletipo da axencia Europa Press.

Todo xurdiu a raíz dun comunicado de prensa da suposta Mancomunidade da Farbuda, titulada “Veciños da comarca de Ordes alertan da existencia de coalas”, un comunicado no que mesmo engadían as declaracións dunha enxeñeira agrónoma para tratar de lle dar maior veracidade ao feito. Xa desde principios de marzo, a páxina de Facebook deste colectivo publicara supostos documentos gráficos que testemuñaban a presenza do coala na Galiza e vídeos coas declaracións de veciños e veciñas.

Iniciativa de Illa Bufarda

Da produtora Illa Bufarda partiu a idea desta campaña que se tornou en viral. A través dunha nota publicada na súa páxina de Facebook, a produtora desmontou a brincadeira na noite da sexta feira –admitindo mesmo a invención da Mancomunidade da Farbuda- e explicou o motivo da iniciativa: concienciar contra o monocultivo de eucalipto no país.

E non só iso, Illa Bufarda tamén pretendía facer reflexionar sobre o funcionamento dalgúns medios de comunicación, “que obriga a profesionais do xornalismo a producir noticias como se fose madeira de eucaliptal, sen contrastar fontes, nin indagar nos feitos, froito isto dunha precarización laboral imperante”.

O eucalipto ocupa o 30% da superficie forestal na Galiza

Na nota informativa publicada na páxina de Facebook, Illa Bufarda expón que o eucalipto “provoca a perda de nutrientes do solo, diminuíndo a súa fertilidade, altos niveis de erosión sobre todo nas plantacións en pendente, redución da dispoñibilidade de auga, abrupta limitación da biodiversidade, elevada vulnerabilidade ao lume, radical deterioro da paisaxe e carácter invasor”.

Así, Illa Bufarda, que se chama coalas os humanos que involucionan, alerta de que os eucaliptos “fan empobrecer o noso solo e esquilman a nosa diversidade arbórea” e informa de que as plantacións de eucalipto supoñen máis do 30% da superficie forestal galega, fronte ao bosque autóctono, que representa só o 2%. Culpa disto a “política tardofranquista” que executa a Xunta de Galiza e advirte de que “cando espertemos tras a dura dixestión desta broza xa non teremos monte”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/hai-coalas-non-na-galiza/20160402100157046353.html


© 2019 Sermos Galiza