Imprimir

'Hamada', por Andrés Castro

A. Castro | 12 de xullo de 2019

Nun campamento saharaui no medio da nada, Sidahmed, Zaara e Taher pasan os seus días arranxando automóbiles que non poden levar a ningures, loitando por un cambio político sen resposta e usando o poder da creatividade e a diversión para denunciar a realidade circundante.

Segunda longametraxe documental do cineasta meañés Eloy Domínguez Serén após de No Cow on the Ice, filme premiado en Toulouse, Filmadrid e no Play-Doc de Tui; unha sorte de autobiografía, documentada con imaxes, das súas vivencias durante o tempo que estivo en Estocolmo para emprender carreira cinematográfica. Con Hamada achégase ao conflito do Sáhara Occidental nunha rodaxe realizada na súa estadía como profesor voluntario nunha escola de cinema nun dos campamentos de refuxiados.

Sitúa a acción no medio do deserto, nun campamento saharauí flanqueado por un campo minado e polo segundo muro militar máis grande do planeta. É a ‘hamada’, un territorio onde non hai vida, onde non hai nada... Un territorio pedregoso e desértico ao que o pobo saharauí foi expulsado por Marrocos desde o Sáhara Occidental fai uns corenta anos. E que se pode contar dun lugar onde non hai nada? Curiosamente moitas cousas.

Céntrase na vida de tres amigos: Zaara, Sidahmed e Taher. A xoven Zaara quere conducir a toda costa. Sidahmed, cargado de paciencia, trátalle de aprender mentres soña con emigrar a Europa. Por contra, Taher ten aspiracións máis terreais e mundanas: pasalo ben e ter moza... e se é francesa mellor. Con este particular trío de personaxes Eloy Domínguez Serén vai tecendo un nobelo de historias cotiás que se van entrelazando ata conformar un xeitoso mosaico arredor da realidade dun lugar e un pobo que semella esquecido polo resto do mundo pero que ben merece ser reivindicado e posto no mapa.

Lonxe de facer discurso político ou posicionarse, Hamada limítase a mostrar o que acontece nestes campamentos; e faino con total naturalidade e moito sentido do humor. Mozos e mozas que se divirten, escoitan música, flirtean, procuran traballo, gañan o pan como poden, queren vivir nun lugar mellor... Os soños normais de calquera habitante de calquera aldea perdida de calquera lugar do planeta. O extraordinario aquí son os contrastes. Vivir no medio da nada e conseguir captar tanta vida fai de Hamada un filme hipnótico.

No medio dos problemas cotiás desta rapazada (cheos de humor, insisto) tamén hai tempo para mostrar a emigración desde o outro lado, o machismo imperante, o conflito político-humanitario do lugar e a ferida aberta dun pobo sen patria. Outra vez os contrastes: hai un pensamento xeral por fuxir a Europa, pero mentres están na ‘hamada’ non se permiten ter tempo para aburrirse. Zaara quere aprender a conducir nun lugar onde as mulleres non adoitan facelo porque nin sequera se poden permitir ter coche. De feito Zaara é toda unha personaxe. Cada vez que aparece en escena consegue sacar unha gargallada ao persoal. Magnífica. Atención tamén a escena lost in translation de Sidahmed cunha excursionista búlgara. Xenialidade.

Tal e como fixera na anterior longa, No Cow on the Ice, Eloy Domínguez Serén confírmase coma un cineasta todoterreo e multitarefa. Non só dirixe senón que tamén fai as veces de director de fotografía, técnico de son e, por riba, realiza a montaxe, desta volta xunto con Ana Pfaff (Verán 1993, Trinta lumes). Cociña a lume lento un filme etnográfico xenuíno, equilibrado e cheo de vitalidade nun entorno que invita a pensar todo o contrario. Talento a esgalla neste director galego emerxido na diáspora.

HAMADA

(Suecia-Alemaña-Noruega 2018, 88 min.)

Dirección: Eloy Domínguez Serén

Música: Kjetil Schander Luhr

Fotografía: Eloy Domínguez Serén

Elenco: Zaara Mohamed Saleh, Sidahmed Salek, Taher Mulay Zalin

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/hamada-por-andres-castro/20190712075939081811.html


© 2019 Sermos Galiza