Imprimir

A historia do cantor que se exiliou do Réxime do 78

Redacción | 13 de febreiro de 2019

O cantautor Suso Vaamonde. Foto: cedida.
O cantautor Suso Vaamonde. Foto: cedida.

Voz do trebón é o primeiro libro que repasa a peripecia do cantautor Suso Vaamonde (Ponte Caldelas, 1950–Vigo, 2000). O seu autor é o xornalista Miguel Boó e presentarase en Salvaterra de Miño, vila á que tan vencellado estivo Vaamonde, o vindeiro sábado 16 de febreiro.
 

O músico, autor de dous discos tan emblemáticos na música galega de intervención como Nen rosmar un laído (1977) e Os soños na gaiola (1978), viviu unha curiosa circunstancia: foi un dos primeiros condenados despois do franquismo por “inxurias á Patria con publicidade”. O proceso derivou dun concerto antinuclear na praza da Ferreiría en Pontevedra, no 1979, en que Vaamonde entoou a estrofa “cando me falan de España / sempre teño unha disputa / que se España a miña nai / eu son un fillo de puta”.

 

Condenado a seis anos de prisión, decidiu exiliarse: Inglaterra, Alemaña, Venezuela. Catro anos despois regresou e entregouse. Logo de 48 días na prisión de Ourense, o Goberno de Felipe González -coa mediación do senador galego Xaime Barreiro Gil, no seu día achegado, como o propio Vaamonde, a Voces Ceibes- indultouno.

 

O cantautor integrárase en Voces Ceibes no inicio dos anos 70. Con letras de seu e música para poemas alleos, atendendo ás cancións para crianzas, foi elaborando unha discografía de presenza irregular. En 1999, tres meses antes da súa morte, recibiu unha multitudinaria homenaxe en Salvaterra de Miño, organizada pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado.

 

Na presentación de Voz do trebón, que será na taberna O Noso Eido -frecuentada por Vaamonde- ás 18.30 horas, intervirán o autor da biografía e o irmán de Vaamonde, Senén. Ademais, haberá música a cargo de Luís Vaamonde e Alfredo Dourado.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/historia-do-cantor-exiliou-do-rexime-do-78/20190213123454076039.html


© 2019 Sermos Galiza