Imprimir

Iglesias avoga desde Vigo por unha sanidade pública que non dependa da caridade

Redacción | 22 de maio de 2019

Iglesias coa candidatura de Marea de Vigo
Iglesias coa candidatura de Marea de Vigo

O secretario xeral de Podemos volveu visitar Vigo nunha nova campaña electoral. No mitin celebrado nesta cidade, Pablo Iglesias cargou contra as doazóns do empresario multimillonario Amancio Ortega e defendeu a sanidade pública.

Vigo acolleu un novo mitin do secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias. Nel volveu criticar a doazón do millonario Amancio Ortega á sanidade, e defendeu un sistema sanitario de carácter público e de calidade que non precise de esmolas e ao mesmo tempo, avogou por unha fiscalidade xusta para que os ricos paguen os impostos en función do seu patrimonio.

Afirmou a este respecto, que a diferenza entre unha democracia e unha ditadura é que na primeira calquera persoa "independentemente da súa conta bancaria" ten acceso aos mellores hospitais e ao mellor persoal profesional, e engadiu que isto non debe depender da caridade de ningún millonario.

Sobre Amancio Ortega afirmou que "os multimillonarios non necesitan" que se garantan os dereitos sociais porque "lles molesta o Estado e ter que pagar impostos".

Iglesias afirmou que “sen dereitos sociais non hai democracia”

Na mesma liña, afirmou que “sen dereitos sociais non hai democracia” polo que anunciou que presentarán ao PSOE a proposta dun goberno de coalición cun programa democrático fundamentado no cumprimento dos dereitos sociais".

De feito, sobre as negociacións co PSOE para a formación dun posíbel goberno conxunto, Iglesias avanzou que non pedirán “nada difícil” senón que solicitarán que se cumpran os dereitos recollidos na Constitución española, da que lamentou que algunhas formacións políticas estean empregándoa “como arma unhas contra outras”.

Sobre as negociacións co PSOE para a formación dun posíbel goberno conxunto, Iglesias avanzou que non pedirán “nada difícil”

A ese respecto, Iglesias afeou á banca, en alusións a Ana Patricia Botín e á CEOE, por alertaren contra da chegada de Unidas Podemos a un posíbel novo executivo estatal.

O secretario xeral de Podemos incidiu nas propostas do seu programa das xerais, salientando un sistema fiscal proporcional e referiuse á suba do Salario Mínimo Interprofesional a 900 euros como un logro da presión da súa formación a Sánchez. Ironizou sobre este aumento en que, a pesar dos prognósticos de caos, “non se afundiu a economía”. Así mesmo, avogou por non deixalo aí e en seguir subíndoo máis.

 

Iglesias vai a Vigo e Ferrol mais non acude apoiar as mareas da Coruña e Santiago


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, non deu importancia a que Pablo Iglesias non visitase a súa cidade durante a visita de campaña a Galiza esta cuarta feira, e afirmou que "quen se presenta ás municipais son eu", asegurando que se Pablo Iglesias acode ou non á cidade da Coruña en campaña é "máis unha cuestión mediática que real".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/iglesias-avoga-vigo-sanidade-publica-non-dependa-da-caridade/20190522202813079953.html


© 2019 Sermos Galiza