Imprimir

Importación, exportación e lóxica

María Pilar García Negro | Profesora da UDC e escritora

Sermos Galiza | 07 de setembro de 2015

Espárragos envasados en Navarra ou na Rioja proceden de China ou do Perú.

 

Espárragos envasados en Navarra ou na Rioja proceden de China ou do Perú. Laranxas embolsadas en Valencia, de Sudáfrica. Firmas de roupa españolas, europeas ou norteamericanas venden a prezo económico prendas fabricadas en Tailandia, Malaisia, China ou calquer outro país do mundo previsto no marco da globalización para abaratar até o infinito custos salariais. Sempre me fago a mesma pergunta: que ínfimo pagamento recebería a traballadora (ou os nenos) que fabricaron tal produto? Para resultar barato aquí, a miles de quilómetros de distancia, que salario de miseria receberán? 

Entrementres, para consumir alimentos do país (do noso) ou hai que dispor de moito tempo de procura, de diñeiro para comprar delicatessen ou, asemade, de ambas cousas. En troca, debemos de ser o país con máis festas gastronómicas por metro cuadrado, sobre de todo no verán, mais non só: festa do percebe, da lagosta, da centola, do mexillón, das sardiñas, das troitas, dos berberechos, do bonito, do ourizo, do congro, da lamprea, da ostra, do choco, da ameixa, da xouba, da solla, do longueirón, da zamburiña,  das empanadas, dos queixos, do mel, do requeixo, do xamón, do porco enteiro, do porco celta, da galiña autóctona, do galo de curral, do carneiro ao espeto, das fabas, dos grelos, do cocido, do pan, das patacas, da bica, da torta de millo, da torta de améndoa, das filloas, dos melindres, das mazás, das noces, das castañas, dos ovos, dos callos, da tortilla, do chourizo, do butelo, da androlla, do raxo, da troita, das anguías, da augardente, do lacón, de todos os viños imaxinábeis, da vendima, de… A listaxe dista de ser exhaustiva. Vou aparcar calquer tentación de ironía sobre esta sobreabundancia festiva, que tan ben presta a nativos e foráneos, para concluír benevolamente que demostra que somos donos dunha materia prima de excelente calidade e que os nosos alimentos e preparados son óptimos e ben variados. 

"Dáse por natural que teñamos que importar ideas e exportar votos?"

A lóxica, logo, debería levar a pensar que somos donas e donos dunha terra vizosa, extremamente diversa e variada nas súas posibilidades, e debería levar, se utilizarmos a cabeza para algo máis que para peitear o cabelo, a cismar a quen rende esa riqueza enorme e por que ela non serve para o desenvolvemento económico interno, para fixar povoación, para cortar a sangrante emigración. Quen é o dono do vento galego? Quen tira o proveito de toda a enerxía eólica que el permite? Quen é o dono da auga dos nosos ríos? Quen, do noso monte? Quen, das minas?

A lóxica non triunfa porque todo o entramado político-mediático dominante conspira para afacernos ao contrario. Dáse por natural que teñamos que importar ideas e exportar votos. Este é o deseño que desde o goberno español, desde o españolismo en xeral e desde a Xunta se reproduce para a Galiza. Esta ben a podiamos denominar a Xunta de Porteiros-Guardas Xurados: interpelala para algo que teña a ver coa política e a economía atinentes á Galiza equivale a lle pedir contas a un bedel dun centro escolar da marcha da educación ou a un guarda municipal das contas do concello. A Xunta cumpre con ser garante da exportación do voto galego, para beneficio do amo, e con asegurar a conveniente españolización da Galiza.
Vai para cen anos que os nosos antepasados, os primeiros nacionalistas galegos do século XX, reclamaron a existencia dun Poder Galego para exercer o goberno das institucións ao noso servizo. Crearon un pensamento orixinal, que bebía dun profundo coñecemento empírico da nación, das súas potencialidades, das súas limitacións e dos seus dereitos. Foron  -son-  moito máis modernos do que aqueles compatriotas de hoxe empeñados en asemellárense o máis posíbel ás imposicións e ás modas metropolitanas, como se a Galiza gañase algo con esta importación de ideas e exportación de votos.

Voltamos á lóxica: canto progresaríamos se aplicásemos ás escollas políticas o vello refrán: “amiguiños, si, pero a vaca polo que vale”. Negocio podre: mimetizar o pensamento e a linguaxe allea para continuar a selar o entreguismo made in Galiza!

Este artigo viu a luz no número 161 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/maria-pilar-garcia-negro/importacion-exportacion-loxica/20150906223832040492.html


© 2019 Sermos Galiza