Imprimir

Os independentistas detidos na 'Operación Lusista' son trasladados a Madrid

Redacción | 17 de xuño de 2019

Prestarán declaración na Audiencia Nacional esta terza ou cuarta feira, segundo fontes da defensa. As catro persoas detidas están incomunicadas.

As catro persoas detidas esta fin de semana pola Garda Civil na Galiza no marco da ‘Operación Lusista’ e acusadas de pertenza ou colaboración con Resistencia Galega son trasladadas a Madrid, segundo confirmaron a Sermos Galiza fontes da defensa. As previsións dos letrados defensores é que esta terza feira, ou máis tardar cuarta, pasen a disposición xudicial na Audiencia Nacional.

Os avogados non puideron falar cos detidos, sometidos a incomunicación, nin teñen coñecemento oficial dos cargos que se lles imputan. De non levantarse a incomunicación cando declaren ante o xuíz as persoas detidas estarían asistidas por un avogado de oficio.

Antom G.M ‘Toninho’, Asunción L.C. Miguel G.N e Joam M.S son os catro independentistas detidos este sábado e domingo. A Garda Cilvil acusa os dous primeiros de ser “máximos responsábeis de Resistencia Galega" mentres que a Miguel G.N e Joam N.S considéraos “colaboradores”.

Nas últimas horas diferentes organizacións e colectivos amosaron a súa solidariedade para coas persoas detidas e denunciaron o que consideran unha "criminalización do movemento independentista". Entre elas, Causa Galiza, FPG, Ceivar, Briga, Agor Galiza, Galiza Nova, Xeira, Erguer, Mocidade pola Independencia, o sindicato CUT, Sortu (Euskal Herria), Yesca (Castela), Arran (Catalunya).

O movemento anti-represivo convocou para esta segunda feira concentración de repulsa ás detención. 

Compostela: 20:30 Praza de Cervantes

Ferrol. 20:30 Praza Amada García

Vigo 20:30 Farola de Urzaiz

A Coruña 20:30 Obelisco

Pontevedra 20:30 Peregrina

Burela 20:30 Praza do Concello

Ourense 20:30 Praza do Ferro

Lugo 20:30 Praza Maior

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/independentistas-detidos-vigo-vilamarin-son-trasladados-madrid/20190617123417080895.html


© 2019 Sermos Galiza