Imprimir

Interrompe a presentación dunha revista en Compostela ao berro de “en España se habla castellano”

Redacción | 20 de agosto de 2018

Imaxe dun momento da presentación da revista
Imaxe dun momento da presentación da revista

A presentación da Revista Ligeia decorría na terraza dun local da zona vella. A persoa abandonou o acto após ameazar con paralizalo.

“En España se habla castellano” ou “Non se pode falar de política na rúa”. Estas foron as frases esgrimidas pola persoa que esta fin de semana interrompeu en Compostela a presentación pública da Revista Ligeia, segundo informan responsábeis da publicación.

 

A revista presentábase na terraza da Casa das Crechas, en plena zona vella da capital de Galiza, cando unha persoa interrompeu o coloquio, proferindo insultos e ameazando con paralizar o acto, todo iso cunha actitude agresiva. Foi conminado polo público presente a abandonar o lugar, o que acabou facendo. No acto de presentación participaron Tamara Andrés, Marcus Daniel Cabada e o colaborador da sección de Opinión de Sermos Lois Alcayde Dans.

 

 

Nun comunicado, a Revista Ligeia "condena esta agresión", así coma “calquera acto de carácter intolerante e fascista" e considera a literatura e o xornalismo coma "elementos enriquecedores e fomentadores do entendemento entre culturas e pobos ademais de vías cimentadoras da convivencia e o espírito democrático”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/interrompe-presentacion-dunha-revista-compostela-ao-berro-espana-habla-castellano/20180820100440071506.html


© 2019 Sermos Galiza