Imprimir

Israel colonizará con 250.000 persoas os Altos do Golán

Redacción | 03 de abril de 2019

O plan israelí para asentar a ocupación da meseta siria prodúcese unhas semana após Donald Trump ter recoñecido a soberanía israelita sobre este territorio.

O estado de Israel reforzará a súa ocupación sobre a mesta siria dos altos do Golán enviando 250.000 persoas colonas e construíndo 30.000 vivendas. Esta medida prodúcese após Estados Unidos recoñeceren a soberanía de Israel sobre a meseta siria. O plan foi anunciado pola radio Katan, que está ligada á compañía de radio e televisión públicas de Israel.

 

Israel planea con esta medida formar dúas urbes máis nestes territorios, edificando un total de 20.000 vivendas máis, co que se chegaría a triplicar a poboación de Katzrin, actualmente o asentamento israelita máis grande da rexión.

 

Este plan pretende estar concretado antes do ano 2048, cando se celebrará a fundación do réxime sionista.

 

A meseta dos altos do Golán está situada na fronteira entre Israel, Líbano, Xordania e Siria; e conta con 1.800 quilómetros cadrados, dos que 1.200 están ocupados militarmente por Israel.

 

Este territorio foi arrebatado a Siria por parte de Israel durante a guerra dos Seis Días (1967) e a guerra de Yom Kipur (1973), feitos polos que a ONU, a través do seu Consello de Seguridade, adoptou considerar a rexión coma territorio ocupado.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/israel-colonizara-250000-persoas-altos-do-golan/20190403110208077707.html


© 2019 Sermos Galiza