Imprimir

Jabois volve a Pontevedra

Redacción | 11 de agosto de 2019

O escritor Manuel Jabois (segundo pola esquerda) co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura Carme Da Silva (segunda pola dereita) e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a lectura do pregón das festas da Peregrina. Foto: Concello de Pontevedra.
O escritor Manuel Jabois (segundo pola esquerda) co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura Carme Da Silva (segunda pola dereita) e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a lectura do pregón das festas da Peregrina. Foto: Concello de Pontevedra.
En Irse a Madrid, escolma de columnas publicadas en xornais locais galegos, Manuel Jabois (Pontevedra, 1978) ironizaba con aquela frase de Pío Baroja que recomendaba os aspirantes a escritores mudarse á meseta. Ao pouco tempo, as obrigas profesionais levábano a cumprir a profecía. O seu pregón deste 10 de agosto nas Festas da Peregrina foi unha especie de viaxe inversa: “[A gloria máis grande] é que te queiran na casa, que te queiran os teus”.

En realidade o escritor, xornalista de El País, nunca deixou de volver a Pontevedra. Pero este sábado repasou no seu pregón os lazos sentimentais que o unen á súa cidade natal e iso non é tan habitual, polo menos en público. Dos amigos da infancia aos excompañeiros no Diario de Pontevedra, da memoria da familia Bóveda á súa afección por “pechar as festas e apagar as luces”. “Eternamente honrado” por ser o escollido para abrir os festexos da Boa Vila, acompañado no balcón do Pazo de Mugartegui polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura Carme Da Silva e a presidenta da Deputación Carmela Silva, Jabois confesou que Pontevedra é para el “a medida de todas as cousas, sen patriotismos e sen pailanadas”.

Non por acaso a súa última novela, Malaherba (Alfaguara, 2019), protagonízaa un neno de dez anos que anda, medra, descobre o mundo na Pontevedra dos anos 80. Jabois tamén lembrou como aos 14 o seu soño era escribir para o Diario de Pontevedra. Faríao despois, xusto antes de irse a Madrid e deixar na Boa Vila personaxes fundamentais para a súa biografía, hoxe mortos, que non esqueceu nomear: o pintor Manuel Moldes, o futbolista Rafael Ceresuela -que en 1963 marcou o gol que levou o Pontevedra a primeira división- e a escritora María Victoria Moreno.

Manuel Jabois fixo un canto á igualdade como característica da cidade e despediuse volvendo amosar o seu estupor por falar “na cidade da túa vida nas súas festas máis grandes”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/jabois-volve-pontevedra/20190811165646083017.html


© 2019 Sermos Galiza